Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

HOXE REUNIUSE EN LUGO O GRUPO DE TRABALLO SOBRE CONCELLOS E EDUCACIÓN QUE DAS SETE GRANDES CIDADES GALEGAS


# Mércores, 15/12/2010
Participaron os Concelleiros de Educación de Vigo, Santiago, Ourense e Lugo e representantes dos Concellos da Coruña, Ferrol e Pontevedra

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Como resultado da convocatoria realizada polos Concellos de Vigo e Santiago, representantes das cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra reuníronse hoxe en Lugo na III Xuntanza do Grupo de Traballo sobre Concellos e Educación.

Os representantes dos Concellos, concelleiros e técnicos responsables desta área, continúan os traballos programados nas anteriores sesións celebradas nas cidades de Santiago e Vigo:

A orde do día atendeu os seguintes temas:

1. Dar conta das xestións realizadas coa Consellería de Educación, a FEGAMP e a FEMP
2. Composición das comisións de traballo.
3. Obrigas municipais: servizo de conserxería, vivendas de conserxes, limpeza e vixilancia e mantemento de centros de ensino.
4. Comedores escolares e programa madrugadores.
5. Plan de modernización dos equipamentos escolares de Galicia.

1. No primeiro punto da orde do día deuse conta das xestións realizadas polo Grupo de traballo co Presidente da Federación galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia:

- Carta ao Conselleiro de Educación solicitando entrevista e trasladándolles os temas principais obxecto de debate no Grupo
Solicitude aos Concellos de nomeamento dos membros das 4 comisións de traballo a constituír
- Solicitude de colaboración da FEGAMP para residenciar as catro comisións na sede do Organismo para o día 23/12/2010 e convocatoria de rolda de prensa conxunta para para dar a coñecer o programa de traballo
- Confirmación da entrevista coa presidencia da FEMP para trasladarlle a axenda de traballo do Grupo e solicitar actividades de formación da Federación en Galicia, así como unha canle estable de comunicación e información respecto dos temas obxecto da nosa preocupación.
- Compromiso da presidenta da Comisión de Educación da FEMP, Isabel Rodríguez, primeira tenente de alcalde do Concello de Palencia e para intervir na próxima reunión do grupo de traballo e establecer as vías de colaboración


2. No segundo punto da orde do día e e en cumprimento da II xuntanza celebrada na cidade de Vigo, iniciouse o procedemento para dar cumprimento á constitución das comisións de traballo nas áreas de:

1- REDE EDUCATIVA 0-3 de Educación infantil: Comisión de traballo para a elaboración dun modelo de xestión e financiamento desde a perspectiva municipal.
2- ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS: comisión de traballo destinada a definir un modelo de xestión, financiamento e deseño curricular.
3- OBRIGAS MUNICIPAIS SOBRE OBRAS DE CONSERVACIÓN, REPARACIÓN E MANTEMENTO EN CENTROS DE ENSINO PÚBLICO. PLAN DE MODERNIZACIÓN DOS EQUIPAMENTOS ESCOLARES DE GALICIA: comisión de traballo destinada a definir o estudo de propostas sobre o estado xeral de conservación dos centros de ensino públicos de infantil e primaria e a actuación concertada entre a Administración Local e Autonómica para a súa mellora e modernización.
4- Programa de Apertura de Centros Escolares fóra do horario lectivo: comisión de traballo destinada á elaboración dunha proposta de modificación da actual convocatoria de subvencións e a definición dun modelo de xestión municipal de programas de apertura de centros fóra do horario lectivo.

O próximo mércores, 23 de decembro ás 10 h. na sede da FEGAMP procederase a constitución formal das Comisións de Traballo que se darán a coñecer en Rolda de Prensa ás 12 h.


3.- Nesta terceira reunión tratouse dunha maneira especial o papel dos concellos nas obrigas municipais, con especial atención no servizo de conserxería, vivendas de conserxes, limpeza e vixilancia e mantemento de centros escolares.

Realizouse unha rolda de exposicións sobre a problemática xeral de cada concello nestes temas, constatando a actual indefinición e diversidade de solucións que os Concellos realizan para a atención destas obrigas,.

Fíxose patente a necesidade de regulación, o máis homoxénea posible, que delimite e concrete as obrigas municipais. No que atinxe ao servizo de conserxería –que actualmente realízase integramente a costa dos concellos—manifestase a urxencia de racionalizar este servizo, concretando a súa xestión organización e funcións e de delimitar as competencias e financiamento no camiño de que estas sexan, canto menos concertadas coa Xunta de Galicia e se integren plenamente na perspectiva dun servizo público de educación de calidade.

Fíxose un repaso tamén dos servizos de limpeza e mantemento dos centros públicos de infantil e primaria, que se realizan integramente a costa dos Concello, expresando así mesmo a necesidade de acordar criterios comúns , modelos de xestión que unifiquen, clarifiquen e modernicen esta prestación.

Saliéntase a extrema importancia de que se acometa pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, de común acordo cos Concellos, un Plan de Modernización da rede escolar de Galicia, encamiñado á mellora substancial da calidade dos edificios escolares que permita unha máis racional uso dos recursos municipais utilizados en mantemento de instalacións, en moitos casos moi envellecidas e mesmo obsoletas. Neste senso, as delegacións municipais presentes coinciden en evidenciar a deixación de responsabilidades da Consellería de Educación nesta materia e a ruptura das canles de comunicación coa Administración local e reclaman o inmediato cambio de actitude e a posta en marcha de mecanismos de coordinación estables encamiñados a substituír a improvisación e arbitrariedade actual por unha auténtica planificación dos investimentos públicos e materia educativa.

A FEGAMP –que vén reclamando dende hai tempo a solución dos temas relacionados coa fixación de competencias e financiamento das actuacións en materia de mellora e mantemento dos centros públicos de ensinanza-- , a través das súas Comisións de educación e da de seguimento do Pacto local, deben activar o esforzo neste sentido e reclamar da Xunta de Galicia o cumprimento dos compromisos adquiridos para o financiamento de servizos actualmente realizados en exclusiva polos Concellos (conserxería, subministros enerxéticos, entre outros).

Para rematar, os representantes municipais reafirman o seu compromiso coa defensa da calidade do ensino público e reavivan a súa convicción de que a colaboración e coordinación entre as administracións públicas é indispensable para garantir a calidade e plena igualdade na prestación do servizo público de Educación.

Finalmente, acordouse convocar a IV reunión do Grupo de Traballo para o vindeiro día 20 de xaneiro na cidade de Ourense na que se recollerán xa as primeiras conclusións das Comisións de traballo do Grupo Concellos e Educación.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova