Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde asina co Presidente da Deputación o convenio polo que o Concello disporá dun millón de euros para melloras nas ribeiras do Miño, a creación da praia fluvial e investimentos en infraestruturas viarias


# Venres, 17/12/2010


Imaxe Asociada
Lugo é un dos 9 Concellos da provincia nos que se porá en marcha o Plan Complementario da Deputación dotado con preto de 10 millóns de euros e que suporá a realización de 70 obras



O Alcalde, José López Orozco, asinou este venres co Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto con outros oito Alcaldes da provincia os convenios do Plan Complementario, dotado con 9,5 millóns de euros e posto en marcha polo organismo provincial para intensificar o apoio ós municipios máis poboados ou exercen como motores comarcais, ó tempo que quedaran excluídos doutros plans provinciais como o de Pequenas Infraestruturas para Concellos ou o canon hidroeléctrico. Gómez Besteiro subliñou que “é unha boa noticia para a cooperación e para un determinado número de municipios que resposta a un bo número de veciños, máis da metade da provincia de Lugo, polo que son necesidades que hai que atender”.


É a partida económica máis cuantiosa en canto a transferencias directas ós Concellos. Neste senso, o máximo mandatario provincial destacou que “cumprimos co que nos comprometemos cando creamos un fondo extraordinario no que aparecían estes convenios. Estamos en prazo e regra, e facémolo sen aumentar a débeda pública, é dicir, sen ter que ir á formalización de novos préstamos que poidan encarecer a situación económica da Deputación. Estamos dentro do previsto”.

No caso de Lugo o millón de euros que recibirá o Concello da Deputación adicarase a melloras no contorno do Miño entre as que se acometerá a praia fluvial que se vai crear nas proximidades dos Robles, así como a mellora de infraestruturas viarias.

No acto de hoxe, o Presidente remarcou que o Orzamento provincial do 2011 volverá estar marcado pola máxima cooperación cos Concellos. “Terá un adelgazamento querido e buscado do 30% pero imos seguir mantendo as partidas de cooperación. Non faremos expropiacións e outras cousas, pero non renunciaremos as axudas ós municipios que é para o que servimos e ó que nos adicamos”.

O Plan, que beneficia a 176.000 veciños, está destinado á dotación de infraestruturas básicas e demandadas polos Concellos, así como á mellora de equipamentos existentes nos municipios de Monforte de Lemos, Vilalba, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz, Burela e Sarria. A Deputación asume o custe total destas actuacións, incluídas dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública aprobado polo actual equipo de goberno este ano, e alivia deste investimento millonario ás entidades locais, agás á de Sarria –que, debido ó elevado investimento “e porque carecía dunha dotación que outros Concellos, nas mesmas condicións de poboación xa dispoñían dela”, a obra será co-financiada polo Concello-.

Obras consensuadas cos Alcaldes

Con este investimento, a Deputación completa o Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con preto de 22 millóns de euros e creado para manter os postos de traballo que dependían da licitación de obras. O Presidente pactou con cada un dos Alcaldes as preto de 70 obras que se executarán nestes municipios co obxectivo de que o investimento sexa o máis rendible e beneficioso para os veciños. No acto de sinatura dos convenios, que foron aprobados pola Xunta de Goberno o venres pasado, participaron, ademais do Presidente, os Alcaldes de Monforte -Severino Rodríguez-, Vilalba -Gerardo Criado-, Becerreá -Manuel Martínez-, A Fonsagrada -Argelio Fernández-, Burela -Alfredo Llano-, Foz -José María García Rivera-, Viveiro -Melchor Roel-, Sarria -Claudio Garrido-, e Lugo -José López Orozco-.

Outras actuacións

A cada Concello correspóndelle 1 millón de euros, agás o de Sarria no que o investimento que se destina á piscina climatizada é de 1.457.000 euros porque da servizo a toda a comarca. Asinados os convenios, o organismo provincial comezará coa contratación das obras de forma inmediata. “O luns iniciaranse todos os pasos, independentemente de que sexa obra grande ou pequena”.

No caso de Monforte o acordo inclúe a execución de 6, das que destacan a reforma do Centro da Terceira idade cun orzamento de preto de 400.000 euros. Polo que se refire a Burela, o número de actuacións é de 18. O maior investimento é para a mellora dos alumeados públicos e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro, Pardo Bazán e na avenida Arcadio Pardiñas. Estas tres actuacións suman 368.000 euros.

En Vilalba executaranse 5 obras. A maior parte céntranse na mellora do complexo da Magdalena, ó que lle corresponden máis de 400.000 euros. No caso do municipio da Fonsagrada, o convenio inclúe 2 obras. Destaca a construción da Casa Consistorial por valor de 850.000 euros. En Becerreá, das tres obras que se executarán, a de maior importancia é a mellora de accesos rurais con aglomerado (690.000 euros). En Viveiro executaranse 21 actuacións. As máis significativas son as dotacións de equipamento deportivo para o campo de fútbol de Cantarrana e Celeiro (112.000 euros) e de servizos de saneamento en Granxas e Trasposta (157.500 euros), así como a urbanización Pariso (120.000 euros) e o convenio de FEVE con 100.000.

En Foz executaranse 8 obras. As máis cuantiosas son as que inclúen o acondicionamento de salas de exposición e cafetería do Cenima (120.92 euros), a mellora da rede viaria municipal con aglomerado (146.379 euros) e o campo de fútbol de herba artificial (450.000 euros).



Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova