A Xunta de Compras do Concello adxudicou hoxe a ampliación do bombeo de auga do Hospital Lucus Augusti. O proxecto será executado pola empresa Asogal cun presuposto de 57.862,48 euros, segundo o acordo adoptado hoxe.
Aínda que a instalación de abastecemento feita polo Concello xa está en condicións na actualidade de garantir, se fora preciso, ata 2.400 m3 de auga ó día, a razón duns 100 m3 por hora, superando con moito as previsións de consumo de 700 m3 diarios que pedira reiteradamente e por escrito a Consellería de Sanidade, o Concello accedeu a facer as modificacións pedidas polo Sergas o pasado mes de novembro.
Nunha nova mostra do seu apoio ó novo Hospital, o Goberno local decidiu atender esas peticións porque é sensible ás especiais características da instalación hospitalaria, pola relevancia da mesma e como unha mostra máis da especial consideración que ten o Concello para con esta infraestrutura tan necesaria para mellorar a atención hospitalaria ós veciños de Lugo e da súa provincia.