Imprimir

COMEZA O PROCESO PARA ABRIR AS NOVAS ESCOLAS INFANTÍS DE SAN FIZ E A PIRINGALLA COAS QUE HABERÁ 238 PRAZAS NAS GARDERÍAS PÚBLICAS DE LUGO


22/12/2010 O Concello reclámalle á Consellería de Traballo e Benestar que financie alomenos o 30% do custe de funcionamento das garderías xa que a educación infantil é competencia da Xunta

O Concello acordou hoxe abrir o procedemento para a contratación do servizo de gardería e comedor nas escolas infantís municipais de San Fiz e A Piringalla.

A Xunta de Goberno Local tomou hoxe o acordo de apertura do procedemento de adxudicación que permitirá dotar á nosa cidade de 122 novas prazas de educación infantil públicas coas que se chegará a 238 prazas nas escolas infantís municipais, como informou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

A súa posta en servizo suporá, ademais, a creación de 22 postos de traballo directos.

As escolas infantís de San Fiz e A Piringalla sairán a licitación conxuntamente cun prezo máximo de adxudicación de 521.811 euros.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, a Concelleira de Economía e Emprego reclamoulle á Xunta de Galicia, que ten as competencias en educación infantil, que colabore no financiamento das garderías.

“Ata agora a Xunta só aportou 63.000 euros, unha cantidade ínfima xa que, a efectos prácticos só chega para pagar dous dos catorce postos de traballo”, explicou Méndez quen lembrou que “o Alcalde ten feito xestións reiteradamente coa Consellería de Benestar Social para que a Xunta cumpra o compromiso de financiar alomenos o 30% do custe de funcionamento das escolas infantís de Lugo, que foron construídas con fondos propios do Concello e con cargo ó Plan E”.

Sonia Méndez lembrou que o Pleno aprobou en xuño a xestión indirecta das dúas garderías pero remarcou que “o Concello vai manter a súa titularidade e o control das mesmas”. Neste sentido, a Concelleira de Economía e Emprego salientou que, neste contrato, o prezo non será preponderante para facer a adxudicación senón que se considerarán decisivos outros aspectos como o proxecto educativo e a formación do persoal, co fin de que funcionen coa mesma calidade que as outras escolas infantís municipais.


Piscina romana de Santa María

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación das obras de restauración e valorización da piscina romana da praza de Santa María, un proxecto incluído no Plan Urban e cofinanciado pola Unión Europea, á empresa Terra Arqueos por un importe de 104.944 euros, IVE incluído.

A Concelleira de Economía e Emprego sinalou que as obras comezarán, previsiblemente, a finais de xaneiro ou principios de febreiro.

www.lugo.es/urban