Imprimir

O CONCELLO ENTREGA OS DIPLOMAS ÓS 21 TRABALLADORES QUE PARTICIPARON NO OBRADOIRO DE EMPREGO "ESCOLA RURAL" NO QUE SE REHABILITARON AS ANTIGAS ESCOLAS DE CABANAS E LABIO


28/12/2010

O Alcalde lamenta que a Xunta deixara por primeira vez a Lugo sen obradoiros de emprego e anuncia que o Concello aproveitará o programa Lugo Emprego da Deputación para facer novas contratacións

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, entregaron hoxe os diplomas ós vinteun alumnos/traballadores que participaron no obradoiro de emprego “Escola rural”.

No acto o Alcalde lamentou que a Xunta deixara a Lugo “por primeira vez, sen obradoiros de emprego” pero sinalou que “temos a enorme sorte de que a Deputación vai poñer en marcha o programa Lugo Emprego e queremos aproveitalo para facer outro obradoiro de emprego que nos permita facer contratacións de traballadores desempregados”.

López Orozco destacou tamén que aínda que “non temos competencias en emprego para nós é prioritario que a xente de Lugo teña un traballo digno e faremos todo o posible para que o maior número de traballadores se poidan acoller ó Plan de Emgrego que porá en marcha a Deputación”.

Durante un ano os participantes neste obradoiro de emprego, que promoveu o Concello de Lugo cunha subvención da Consellería de Traballo e cofinanciado pola Unión Europea, adquiriron formación e destrezas nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira para acceder ó mercado laboral

O resultado da súa participación neste obradoiro de emprego foi a rehabilitación de dúas antigas escolas unitarias situadas en Cabanas e Labio.

O orzamento deste proxecto foi de case 544.000 euros