Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Delegada de Urbanismo salienta a transparencia e o consenso na elaboración do PXOM de Lugo


# Martes, 28/12/2010


Imaxe Asociada
A Delegada de Urbanismo, María Novo, informou hoxe de que o documento que dá cumprimento á orden de Urbanismo da Xunta de 2009 e á resolución de Patrimonio do Goberno galego de 2010 sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo recibiu o voto favorable de PSOE e PP na Comisión de Planeamento.

Novo tamén explicou que o BNG votou en contra igual que fixera no 2009 xa que “non comparte o modelo, porque era o mesmo presentado na aprobación provisional aínda que, curiosamente, pediu unha segunda exposición do Plan”.

O ditame da Comisión de Planeamento, na que participaron tanto os grupos políticos como os técnicos que emitiron informes sobre o documento urbanístico, é o paso previo ó debate no Pleno da Corporación municipal, previsto para o vindeiro día 30.

“Para nós este é un paso importante porque é o último paso que pode dar o Concello xa que a aprobación definitiva do PXOM é competencia da Xunta de Galicia”, declarou a Delegada de Urbanismo.

Para María Novo “a valoración é absolutamente positiva, os feitos son tozudos e este é o Plan da transparencia e do consenso porque, non só no 2009, senón a hora de dar cumprimento á orde da Xunta houbo acordo dos dous grandes grupos políticos da Corporación para sacar este Plan adiante”.

A Delegada de Urbanismo salientou tamén que “é un Plan que necesita Lugo porque non se trata só de decidir onde se constrúe e onde non, é tamén apostar, como fai este plan, pola industrialización e poñer solo industrial para a implantación de empresas e garantir o futuro con postos de traballo”. Novo destacou que no documento tamén “se equilibra, por primeira vez, a zona rural respecto á zona urbana e apóstase polo desenvolvemento dos barrios coa mesma calidade de vida do centro”.

“Se lle sumamos ós aspectos técnicos o consenso acadado con este Plan, penso que este é un momento importante, un paso no camiño de que a Xunta o aprobe definitivamente”, manifestou María Novo.

A Delegada de Urbanismo lembrou que a Xunta terá tres meses de prazo para pronunciarse sobre o documento e recordou que o Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, recoñeceu nunhas recentes declaracións que houbo un grande consenso entre as dúas administracións.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova