Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O PXOM supera o último trámite no Concello que o remitirá agora á Xunta para a súa aprobación definitiva


# Xoves, 30/12/2010
O Pleno aproba por a maioría absoluta, cos votos de PSOE e PP, o documento que dá cumprimento ás instrucións de Urbanismo e Patrimonio da Xunta

O Concello de Lugo aprobou hoxe o PXOM por maioría absoluta o proxecto de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal en cumprimento da Orde ditada polo Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio en 2009 e do informe do Director Xeral de Patrimonio Cultural de 2010.

O documento recibiu os votos favorables dos dous grupos maioritarios da corporación municipal PSOE e PP e o voto en contra do BNG.

O acordo adoptado polo Pleno da Corporación local supón o último pulo que lle pode dar o Concello ó Plan Xeral. É o último paso no que é competente a Administración municipal xa que é a Xunta de Galicia a institución con competencias para darlle a aprobación definitiva, como destacou a Delegada de Urbanismo na defensa da proposta.

Tamén salientou que o de Lugo é o Plan máis complexo das sete grandes cidades galegas xa que aínda que hai outras con máis poboación, no noso Concello existen todos os tipos de solo posibles agás o de protección de costas.

A importancia do Plan

O Plan Xeral de Ordenación Municipal é o instrumento que ordena o crecemento do municipio para a vindeira década. A súa importancia para o desenvolvemento futuro de Lugo radica non só en que o documento urbanístico define as edificacións, senón tamén os espazos para facer a vida común dos veciños de Lugo: onde vivir, onde traballar, como será a calidade dos espazos públicos onde relacionarse, onde estarán as garderías, as zonas de ocio, bibliotecas, etc.

Para a Delegada de Urbanismo, María Novo, “é evidente que se trata dun documento moi complexo pero tamén moi importante porque vai máis aló de aspectos económicos e incide directamente na calidade de vida”.

O Pleno respaldou hoxe por maioría absoluta un modelo do PXOM que ten seis grandes liñas:

1.- Fai unha aposta decidida polo equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades.

Nel poténciase o desenvolvemento dos barrios tradicionais da cidade ubicados fundamentalmente na zona norte que foran os grandes esquecidos. Ó mesmo tempo compáctase a cidade coa desaparición dos espazos baleiros que illaban ós barrios do centro.

2.- Aposta definitiva polo futuro económico do municipio.

O Plan Xeral garante o solo industrial, con máis de 5 millóns de metros cadrados. Non só se garante solo para que os nosos traballadores e as nosas empresas non teñan que marchar de Lugo se non queren, senón que tamén as empresas de fóra terán ó seu dispor solo industrial e de actividade económica a bo prezo e con boas conexións para que lles resulte atractivo establecerse en Lugo asegurando desde xeito postos de traballo.

3.-Aposta pola zona rural.

Unha aposta seria por levar ós núcleos rurais as mesmas dotacións e a mesma calidade do espazo público que a que desfrutan os habitantes da zona urbana. Os máis de 300 núcleos rurais tradicionais que existen no municipio saen afortalados con este Plan que garante, sempre por suposto dentro das limitacións que establece a lei, o seu desenvolvemento e consolidación. Esa garantía consiste en que todo o planeamento dos núcleos rurais será de iniciativa pública: esto é os propietarios dos terreos seguirán a ser os seus lexítimos donos, pero será o Concello quen se encargue do complicada labor de redacción dos documentos urbanísticos.

4.-Aposta pola sostenibilidade.

A nosa previsión de crecemento é a máis sostible dos grandes Concellos galegos. Parte de datos obxectivos como son as vivendas visadas polo Colexio de Arquitectos, datos de Estatística e de Fomento e aplícaselle un coeficiente de rozamento que é menor ó doutras cidades con plans urbanísticos xa aprobados, en vigor e que son sostibles.

E, ademais, todos os solos que se desenvolven con base no Plan Xeral van ser remitidos á Xunta de Galicia para que os avalíe medioambientalmente. O propio Plan establece unha serie de indicadores de medición que se testarán periodicamente para garantir a protección medioambiental. Neste sentido, por primeira vez, a cidade deixará de vivir de costas ó Río Miño, completando un gran cinturón verde no contorno de Lugo.

5.- Aposta polo patrimonio cultural

O noso Plan fai unha aposta decidida pola conservación do patrimonio cultural e etnográfico, aposta polo Camiño de Santiago, garante o mantemento do noso gran patrimonio arqueolóxico e fai tamén unha forte aposta polos nosos asentamentos tradicionais.

6.-Aposta polas comunicacións.

O documento aposta decididamente polas mellora das infraestruturas tanto dentro do municipio, co establecemento dun sistema viario dentro do municipio que asegure a mobilidade, como no que se refire ás conexións co resto de Galicia e de España.

A tramitación

Este Plan Xeral de Ordenación Municipal é o froito do traballo de moita xente durante estes máis de dez anos. Non só o traballo dos responsables políticos, nos diferentes equipos de goberno e na oposición, senón tamén un importantísimo labor desenvolvido polos técnicos municipais e de todos os cidadáns de Lugo que, a través das súas propostas no avance e das súas alegacións, contribuíron a fixar o modelo de municipio que hoxe se someteu á consideración do Pleno.

Foi e segue a ser o Plan do consenso, entre os grupos maioritarios do Concello, en moitos temas mesmo houbo unanimidade co Bloque, e do consenso coa propia Xunta de Galicia, como recoñeceu publicamente o Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, hai uns días ó dicir que “hai un grado de consenso importante, algo que é imprescindible para calquera plan de ordenación” e onte mesmo anunciando que non a Xunta non agotará o prazo para revisar o PXOM de Lugo.

Este tamén é o Plan da transparencia. Tivo o máximo período de exposición pública, deuse apoio ós cidadáns durante a súa exposición, contestáronse antes do período legalmente establecido as máis de 6.000 alegacións formuladas, houbo presentación do documento ós axentes sociais, trala súa aprobación provisional estivo dispoñible durante dous meses para o exame do Plan polos veciños, deuse a coñecemento público a través da internet e de xeito inmediato a orde da Xunta a que hoxe dá cumprimento a Corporación e, finalmente, transparencia absoluta ó facilitar ós veciños a través da páxina web do Concello www.lugo.es o contido non só do documento senón tamén dos informes técnicos e da acta da Comisión de Planeamento.

As cifras

O 40% das novas vivendas que se poderán construír serán protexidas.

Máis do 80% do sólo do Concello queda calificado como solo rústico especialmente protexido.

A previsión de solo industrial é de 5.429.562 metros cadrados.

Ten 3.812.169 metros cadrados de sistemas xenerais de espazos libres, espazos libres que benefician a todo o término municipal. Para espazos libres e zonas verdes locais faise unha previsión de 2.144.623 metros cadrados.

O sistema xeneral de equipamentos ten unha previsión de 1.819.873 metros cadrados.

Esto implica que duplicamos a esixencia legal en espazos libres e triplicamos as esixencias da lei en equipamentos a disposición de toda a comunidade e vinculados con desenvolvementos urbanísticos. Ademais dos que se establecen como sistemas de espazos libres e equipamentos a disposición de cada un dos desenvolvidos exclusivamente.


As datas

O Concello de Lugo aprobou inicialmente o novo PXOM en xaneiro de 2006. Dous anos despois, en xaneiro de 2009, déuselle a aprobación provisoria.

O Pleno acordou hoxe darlle o visto e prace ó proxecto de revisión do PXOM en cumprimento da orde do 13-11-09 ditada polo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do informe do Director xeral de Patrimonio Cultural de data do 23-09-2010.

Logo desta decisión do documento urbanístico seralle remitido á Xunta que ten a competencia de aprobar definitivamente o PXOM




Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova