Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Corporación lucense participa en Ferrol na tradicional celebración da festividade de San Xillao


# Venres, 07/01/2011
Un ano máis, o Alcalde e algúns representantes municipais, asistiron a esta celebración, que coincide coa entrega dos galardóns a Ferroláns do ano

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por unha parte da Corporación Municipal lucense, participou en Ferrol no programa de actos da Festividade de San Xillao que cada ano se celebra o día 7 de xaneiro. Así, o Teatro Jofre foi de novo o escenario dunha celebración que conta cunha longa tradición, que comezou arredor do ano 1906 coa primeira visita institucional entre as dúas cidades, oficialmente irmanadas desde o ano 2000.

O acto comezou coa recepción da Corporación de Ferrol a Corporación de Lugo, e a posterior firma no Libro de Ouro da cidade dos galardoados no Día de San Xillao, patrón de Ferrol. Este ano a distinción de Ferrolán do Ano recaeu na Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), e as Insignias de Ouro da cidade á Sociedade Filharmónica Ferrolana, a veterinaria Rebeca Atencia e ao catedrático de Historia da Arte, o profesor Alfredo Vigo Trasancos.

No seu discurso, o Alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, destacou o importante compromiso de colaboración e lealdade entre Ferrol e Lugo, e expresou a súa vontade de traballar conxuntamente a favor do desenvolvemento da Galicia do Norte. Así, o primeiro edil ferrolán asegurou que neste senso, “unha peza capital das mesmas son, sen dúbida, as comunicacións terrestres. Neste sentido, debemos celebrar hoxe, como fixemos no pasado San Froilán en Lugo, a posta en servizo da autovía AG-64, Ferrol-Vilalba, tras máis de dez anos en obras. Esta autovía está facilitando xa as relacións entre Lugo e Ferrol, que poderán avanzar sen máis limitacións que as que se marquen as forzas vivas, o tecido empresarial, económico e social de ambas cidades”.

Pola súa banda, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, felicitou aos premiados, e destacou a gran labor do Concello de Ferrol ao recoñecer as persoas que realizan tan importantes labores. Tamén, e reafirmando as verbas do Alcalde de Ferrol, José López Orozco, destacou as importantes conexións establecidas entre Lugo e Ferrol coa posta en marcha da autovía AG-64. Ademais, o Alcalde lucense sinalou a importancia de traballar pola cidadanía, e destacou o importante consenso acadado entre PSOE e PP para a aprobación do PXOM de Lugo.

O acto finalizou coa degustación do tradicional arroz con leite.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova