Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Unha Delegación chinesa procedente de Quinhuangdao visita hoxe Lugo


# Luns, 10/01/2011
Serán recibidos no Concello, coñecerán o polígono das Gándaras e a Muralla e reuniranse con empresarios

A visita prodúcese en devolución da que fixera unha delegación lucense en xuño de 2008 a unha zona con grande actividade empresarial e industrial



Unha Delegación chinesa procedente de Quinhuangdao visita hoxe Lugo onde será recibida polo Alcalde, José López Orozco, no Concello. Está previsto tamén que manteñan unha reunión con empresarios da cidade e que visiten o polígono do Ceao e a Muralla, entre outros actos.

O programa de actos da visita, inicialmente previstos para o martes, tivo que adiantarse a hoxe debido a problemas cos visados da delegación chinesa que se viu obrigada a alterar a axenda da súa viaxe, a única que fai a unha cidade española, que continuará mañá en Portugal.

A visita á nosa cidade é resposta da que realizara unha delegación lucense en xuño de 2008. A delegación chinesa procede do Distrito de Haigang en Quinhuangdao, unha das zonas máis ricas da rexión e con maior actividade empresarial e industrial.

O obxectivo principal desta visita é manter encontros con empresarios e emprendedores para coñecer a industria e a empresa lucense e traballar na búsqueda de potenciais programas de cooperación con Haigang District, unha das tres zonas desenvolvidas de Quinhuangdao. Trátase dunha cidade portuaria, na que ten sede a Universidade de Yan Shan, a universidade máis importante da provincia do Noroeste de Hebei.

A Delegación que chega a Lugo esta mañá está composta por seis autoridades encabezadas polo vicemaxistrado do goberno do Distrito de Haigang Zhang Guolin, ó que acompañan Zu Xubo, Wang Hogquan, Su Wensheng, Fan Jie e Zhang Decai, que teñen responsabilidades en materia económica, de comercio e saúde, entre outras.

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Quinhuangdao, Zhu Houwen, asinaron o 22 de xuño de 2008 oficialmente o acordo de Irmanamento entre as dúas cidades e a Muralla Romana de Lugo e a Gran Muralla China.

Con este acordo, os pobos de Lugo e Quinhuangdao comprometéronse a establecer relacións diplomáticas e a colaborar na promoción económica, cultural e educativa das dúas cidades. Agora, con esta visita concrétase a segunda parte deste acordo.

Na sinatura do acordo de Irmanamento o Alcalde de Quinhuangdao xa se comprometera a visitar Lugo e dar a coñecer a cidade a todos os seus veciños: “non poden non coñecer unha cidade que desde hoxe forma parta da nosa historia”.

Quinhuangdao ten case que tres millóns de habitantes e unha historia de máis de 3.500 anos. Alí ten a súa orixe a Gran Muralla Chinesa, que é o símbolo máis importante da historia do país.

Hoxe en día é unha cidade moderna e un destino turístico de primeiro orde, cunha praia de 124 quilómetros de lonxitude. Tamén é unha cidade universitaria: a súa Universidade, a de Yan Shan, ten máis de 40.000 estudantes e 3.000 profesores. Dispón ademais dun Parque Tecnolóxico de última xeneración, no que están instaladas empresas como LG, Samsung ou General Motors. Ten un porto que transporta carbón a todo o mundo e a mellor bodega de viño tinto de toda Asia.

Axenda da visita

17.00.- Recepción na Alcaldía e sinatura no Libro de Honra do Concello

Declaracións ós medios de comunicación

17.30.- Visita á Muralla

Visita ó polígono das Gándaras, e ás estacións do tren e de mercadorías,

Visita á Casa do Deporte e MIHL

Visita ó Centro de Convivencia María Balteira

Visitas á Casa do Mosaicos e ó Centro de Interpretación da Muralla

19.00 Reunión con empresarios e emprendedores.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova