Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde recibe a delegación chinesa que visitou Lugo


# Luns, 10/01/2011
A estadía en Lugo da delegación de autoridades do distrito de Haigang Quinhyabngdao comezou cunha recepción no Concello e rematou cunha xuntanza con empresarios

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu esta tarde na Casa do Concello á delegación chinesa procedente do distrito de Haigang Quinhuangdao nun acto ó que tamén asistiron outras autoridades como o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e os voceiros dos grupos políticos do Concello.

A delegación chinesa está encabezada por Zang Guolin, vicepresidente executivo do goberno do distrito de Haigang, ó que acompañan o xefe do goberno do Concello desa cidade, Wang Hongquan; o asesor económico Zu Xubo; e responsables de Saúde Pública, Su Wensheng; de enerxías renovables, Fan Jie, e de Comercio, Zang Decai.

Logo de asinar no Libro de Honra do Concello, tivo lugar un encontro cos medios de comunicación da cidade no que o Alcalde de Lugo salientou a importancia “de establecer relacións humanas, económicas e comerciais” entre “dous pobos moi antigos, cunha grande historia e que vemos o futuro con esperanza e ilusión”.

Pola súa parte o mandatario chinés indicou que a delegación que encabeza busca oportunidades de cooperación e sinalou que o distrito de Haigang ten 600.000 habitantes.

A continuación, a Delegación chinesa tivo oportunidade de coñecer distintos lugares de interese da cidade, nunha visita na que estiveron acompañados polo Alcalde e que comezou no noso monumento máis emblemático, a Muralla Romana que está irmanada coa Gran Muralla Chinesa desde o 22 de xuño de 2008, cando unha delegación lucense efectuou unha visita a Quinhuangdao.

Posteriormente visitaron o polígono industrial das Gándaras, o Centro de transporte de mercadorías por estrada, a Estación ferroviaria de mercadorías e o Centro de Convivencia María Balteira.

Xuntanza con empresarios e emprendedores

A xornada rematou cunha xuntanza que mantivo a delegación chinesa con empresarios e emprendedores de Lugo, un encontro que tivo lugar no salón de sesións do Concello. Na reunión, presidida polo Alcalde, José López Orozco, tamén estiveron presentes o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, ademais duna trintena de representantes do mundo empresarial lucense, incluídas a Confederación de Empresarios de Lugo, a Cámara de Comercio, a Asociación de Xóvenes Empresarios, a Asociación de Promotores e Empresarios da Construción, a Asociacións de Empresarios de O Ceao, a Asociación Provincial de Hostalería, a Asociación de Mulleres Empresarias, a Asociación de Mulleres Autónomas, e Novacaixagalicia, así como da UNED, entre outras entidades. Tamén asistiron directivos de empresas como Las Candelas, Galastur, Sistema Hidráulico Solar, Norvento, Azkar, Gestagua, Monbús, Ingapan, Norviur, Bombas AGP e Grúas Castelao, algunhas delas con presencia xa no mercado chinés ademais de representantes de oito novas empresas que traballan no CEI.

O encontro abriuse coa proxección de dous vídeos, un sobre a cidade e outro da provincia, e serviu para intercambiar información sobre as vantaxes que ofrece cada unha das zonas e as posibilidades de estreitar lazos comerciais e económicos, como os que xa manteñen algúns dos empresarios presentes no encontro.

Ó remate desta reunión, o Alcalde, no nome do Presidente da Deputación, entregoulle á Delegación chinesa o primeiro Plan Estratéxico da provincia que realizou o organismo provincial coa colaboración de expertos socioeconómicos da Fundación Caixa Galicia. Trátase dun documento único no que se avalía a situación de todos os sectores produtivos na provincia e se detectan as oportunidades de negocio. É ademais, a folla de ruta do organismo provincial, o texto que basea os Orzamentos de 2011, ó igual que xa o fixo xa en 2010, así como todas as políticas de actuación postas en marcha para xerar riqueza na provincia, adiantar a saída da crise, manter e crear postos de traballo, e incrementar as prestacións ós cidadáns. Por exemplo, a construción das primeiras 10 residencias e centros de día, o Lugo-Emprega que dará emprego a máis de 700 lucenses en paro ó tempo que, ante a falta de medios dos Concellos, se mellorarán os servizos municipais, ou o Plan Extraordinario de Obra Publica dotado de 60 millóns de euros.

O obxectivo principal desta visita foi o de manter encontros con empresarios e emprendedores para coñecer a industria e a empresa lucense e traballar na búsqueda de potenciais programas de cooperación con Haigang District, unha das tres zonas desenvolvidas de Quinhuangdao. Trátase dunha cidade portuaria, na que ten sede a Universidade de Yan Shan, que é a universidade máis importante da provincia do Noroeste de Hebei.

A visita que efectuou á nosa cidade a delegación chinesa procedente do Distrito de Haigang en Quinhuangdao, unha das zonas máis ricas da rexión e con maior actividade empresarial e industrial produciuse en resposta da que realizara a esa zona unha delegación lucense en 2008.

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Quinhuangdao, Zhu Houwen, asinaron o 22 de xuño de 2008 oficialmente o acordo de Irmanamento entre as dúas cidades e a Muralla Romana de Lugo e a Gran Muralla China.

Con este acordo, os pobos de Lugo e Quinhuangdao comprometéronse a establecer relacións diplomáticas e a colaborar na promoción económica, cultural e educativa das duas cidades. Agora, con esta visita concrétase a segunda parte deste acordo.

Na sinatura do acordo de Irmanamento o Alcalde de Quinhuangdao xa se comprometera a visitar Lugo e dar a coñecer a cidade a todos os seus veciños: “non poden non coñecer unha cidade que desde hoxe forma parta da nosa historia”.

Quinhuangdao ten case que tres millóns de habitantes e unha historia de máis de 3.500 anos. Alí ten a súa orixe a Gran Muralla Chinesa, que é o símbolo máis importante da historia do país.

Hoxe en día é unha cidade moderna e un destino turístico de primeiro orde, cunha praia de 124 quilómetros de lonxitude. Tamén é unha cidade universitaria: a súa Universidade, a de Yan Shan, ten máis de 40.000 estudantes e 3.000 profesores. Dispón ademais dun Parque Tecnolóxico de última xeneración, no que están instaladas empresas como LG, Samsung ou General Motors. Ten un porto que transporta carbón a todo o mundo e a mellor bodega de viño tinto de toda Asia.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova