Imprimir

DOUS MIL DOUSCENTOS ESCOLARES LUCENSES PARTICIPARÁN NA OITAVA EDICIÓN DO PROGRAMA ALMORZOS SAUDABLES DO CONCELLO DE LUGO


14/1/2011 A campaña, que dará comezo o vindeiro martes día 18, desenrolase este ano baixo o lema "Non só comas, aliméntate"

Está dirixida a nenas e nenos de entre seis e oito anos de 25 centros escolares públicos, privados e concertados.


A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou a oitava edición da campaña Almorzos Saudables, que este ano desenrolase baixo o lema “Non só comas, aliméntate”, e que chegará a 2.200 nenos e nenas lucenses de entre seis e oito anos de 25 centros escolares públicos, privados e concertados.

Os obxectivos desta campaña, que dará comezo o vindeiro martes día 18 de xaneiro, son, segundo sinalou a Concelleira de Servizos Xerais, conseguir que os rapaces almorcen e ademais que o fagan do xeito máis saudable, é dicir, cun produto lácteo, froita e cereais ou pan.

Segundo un estudo recente da Universidade de Santiago máis do 30% dos nenos galegos sofren obesidade ou exceso de peso, unha prevalencia similar á media estatal. Segunda datos do Ministerio de Sanidade e Consumo só o 7,5 % dos nenos españois toma un almorzo equilibrado, composto por leite, froita o zume e hidratos de carbono, e o 6,2 % da poboación infantil española non almorza habitualmente. Por iso, a campaña do Concello tenta complementar as ensinanzas sobre alimentación saudable que imparten os profesores durante todo o ano.

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, destacou que nestes anos poido verse unha evolución positiva nos hábitos alimentarios dos máis pequenos. Así, e tendo en conta os datos recollidos no ano 2004 aos nenos e nenas sobre as súas costumes no almorzo, pode facerse un bo balance. No ano 2004, o 4,59% dos nenos non almorzaban fronte o 1,4% que non o facía no 2010. Outro dato salientable é a redución en 3,6 puntos no consumo de produtos de bollería, pasando de un 15,8% en 2004 a un 12,2% en 2010.


www.lugo.es/ws/almorzossaudables