Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acollerá unha nova edición dos ciclos de música clásica "Músicas a carón da Mosqueira" e "Músicas na Vidreira"


# Luns, 17/01/2011


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura presentou hoxe, xunto con representantes das institucións que forman Lugo Cultural, unha nova edición dos ciclos de música clásica “Música a carón da Mosqueira” e “Músicas na Vidreira”

O programa comezará o vindeiro sábado día 22 de xaneiro co concerto inaugural a cargo de Solo Voces e a Orquestra Vigo 430


A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, asistiu hoxe, xunto co Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o Delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga, o director da formación vocal Solo Voces, Fernando Gómez Jácome, e a encargada da oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, a presentación dunha nova edición do ciclo de música clásica “Músicas a carón da Mosqueira”, que contempla sete recitais de estilos e formacións moi variadas que se repartirán ao longo de todo o ano pola cidade de Lugo.

Ao mesmo tempo tamén foi dada a coñecer a axenda de actuacións do ciclo ‘Músicas na Vidreira’ que pretende achegar a música a varios espazos universitarios e ás rúas da cidade a través de diferentes actuacións de 20 minutos de duración. O primeiro dos concertos terá lugar o 24 de xaneiro a cargo de alumnos do Centro Autorizado Profesional de Música Galén ás 14:00 horas na Vidreira de Veterinaria.

Apertura “Músicas a carón da Mosqueira”

O concerto inaugural de “Músicas a carón da Mosqueira” correrá a cargo do grupo vocal Solo Voces e maila Orquestra Vigo 430, que actuarán xuntos e por separado nunha sesión que se celebrará o 22 de xaneiro no Círculo das Artes ás 20:30 horas, horario no que se fixan os restantes concertos deste ciclo. Entre as pezas que interpretarán está por un lado a Suite en estilo antigo do autor Andrés Gaos, por parte da formación instrumental, e as obras Un bico e Negra Sombra do compositor Juan Montes. O concerto rematará coa interpretación conxunta doutras tres obras en homenaxe ao músico Montes, A Misa de Defuntos, a Misa en honor do Apóstolo Santiago e o Te Deum.

A formación sinfónica de Vigo está formada na súa maioría por músicos profesionais, aínda que incorpora a destacados intérpretes de canteira, principalmente galegos, pero sen negarse a contar con outros compoñentes de formación foránea. Alejandro Garrido dirixe a orquestra, que interpreta pezas de distintas épocas, autores e estilos e na que é de gran interese o achegamento histórico aos séculos XVIII e XIX.

Pola súa banda, o grupo vocal lugués, dirixido por Gómez Jácome, traballa en diversos ámbitos do repertorio coral, brillando especialmente a súa atención á música antiga e aos autores locais como é o caso de Juan Montes. A piques de presentar un novo CD sobre “Dous Séculos de Música Lucense”, Solo Voces consolídase no panorama musical galego con outras iniciativas que teñen mesturado a música coa poesía e alternado rexistros máis serios con doses de humor.

O programa de “Músicas a carón da Mosqueira” terá continuidade no mes de febreiro, prolongándose durante o resto do ano con actuacións que achegarán diversos instrumentos e voces a través de intérpretes como Cristina Pato e Rosa Cedrón, que actuarán na Praza de Santa María o vindeiro 20 de xuño dentro da súa xira Soas. Estes concertos, todos eles a cargo de artistas de grande experiencia e prestixio, terán lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes, no E=mc2 e na Praza de Santa María.

Músicas na vidreira

“Músicas na vidreira” complementa dende o pasado ano a oferta de “Músicas a carón da Mosqueira” ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, ofrecen actuacións musicais duns vinte minutos repartidos este ano entre a vidreira de Veterinaria, a sala E=mc2, a sede do IBADER e as rúas do centro da cidade. Nesta actividade participarán o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.

As persoas interesadas en obter máis información sobre estes ciclos ou o resto da programación de Lugo Cultural poden facelo proximamente na web
www.lugocultural.es

Lugo Cultural e a música

Tanto “Músicas a carón da Mosqueira” como “Músicas na Vidreira” son parte dos ciclos do programa musical de Lugo Cultural, que engloba tamén o “Lubicán”, que ofrece música de grupos galegos, “Entre lusco e fusco”, que persegue a recuperación de espazos escénicos, ou “Sonscreativos”.

O convenio Lugo Cultural está formado pola USC, o Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Promoción e Difusión de Cultura da Xunta e Fundación Caixa Galicia e está xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC. Esta completa programación foise estabilizando durante os últimos anos na cidade e consta de varios ciclos que albergan disciplinas coma o teatro ou a danza.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova