Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde asiste ó inicio da demolición dos barracóns que tiña a Deputación no Campus co que se vai mellora o acceso ó IBADER


# Luns, 17/01/2011
* Esta actuación, que ten un prazo de execución de 1 mes e medio, se enmarca dentro da intensa colaboración que manteñen Concello e Deputación coa USC

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
* Previamente, o organismo provincial cedeu á Universidade a finca “A Casa da Granxa” para situar a nova sede do Instituto e concedeu unha axuda de 200.000 euros para o seu funcionamento 

* Nestas instalacións de 900 m2 situábase a brigada de mantemento da Deputación que se será trasladada ó edificio número 3 do hotel Miño


O Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicerreitor do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, supervisaron este luns o inicio dos traballos que inclúen a demolición dos barracóns, situados entre o hospital veterinario Rof Codina e a facultade de Dirección e Administración de Empresas, para mellorar o acceso ó Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo. Esta actuación enmárcase dentro da intensa colaboración que o organismo provincial mantén coa Universidade de Santiago de Compostela dende hai máis de dúas décadas, cando naceu a Facultade de Veterinaria e que continúa na actualidade coa construción do Campus de 2015, na que inviste máis de 7 millóns de euros.


O organismo provincial cumpre o anuncio realizado a principios de decembro que establecía a demolición destas instalacións para a segunda quincena de xaneiro. Os traballos teñen un prazo de execución de un mes e medio e execútanse co persoal e as máquinas da Deputación, agás a retirada do amianto da cuberta, xa que ó tratarse dun material altamente corrosivo obriga a que teña que ser unha empresa especializada a que se encargue da súa eliminación.

O Alcalde destacou que “gañamos un espazo urbano, unha zona verde e o que é máis relevante: se a Universidade está contenta, os lucenses estamos contentos porque que o Campus estea nas mellores condicións é moi importante”.

Para o Presidente da Deputación iniciativas coma esta “son pequenas grandes obras que fan grande á cidade. Esta era a sala da chegada ó IBADER, pero tiña unha entrada indigna. Os barracóns cumpriron a súa misión e os traballadores pasarán ó hotel Miño. Solucionamos un problema que tiña o campus. A pauta vai ser que agora comezan a retirar o amianto e logo viran as máquinas que limparán a zona para proceder á urbanización do contorno”.

Pola súa banda. o Vicerreitor subliñou que “para nós é unha satisfacción que se derriben estas naves porque vai permitir que a sede do IBADER teña unha entrada digna e o Concello poderá facerse cargo da iluminación. É un pracer colaborar unha vez máis con estas dúas administracións porque todas as cousas que lles demandamos fannas”.

Previamente, a Deputación cedeu á Universidade a finca coñecida como “A Casa da Granxa” para situar a nova e actual sede do IBADER, que foi adecuada grazas á subvención de máis de 200.000 euros concedida pola Deputación. Esta cesión permite que dito Instituto, un referente tanto no eido ambiental como no medio rural, así como na planificación e xestión do territorio, conte con dúas prantas e preto de 400 metros cadrados útiles nos que se distribúen salas de traballo, un laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos, e ata un sistema de información xeográfica. O IBADER sitúase nunha finca de 1.822 metros cadrados e as naves nas que se sitúa a brigada de mantemento ocupan unha superficie de 873 m2. Coa demolición, este espazo cédese na súa integridade á Universidade de Santiago de Compostela.

Traslado ó hotel Miño

Nestas dependencias situábanse o talleres da brigada de mantemento de todos os centros dependentes da Deputación, que serán trasladados á pranta baixa do edificio 3 do hotel Miño, unha vez que se rematen as obras de adecuación. Este inmoble sitúase nunha finca que ten unha superficie de 5.338 metros cadrados, dos que 4.297 están edificados por tres bloques. A pranta baixa do edificio número 3 no que se instalarán os traballadores da Deputación mide uns mil metros cadrados.

Estas instalacións tamén será a sede do obradoiro “Os Arquivos do Pazo” que se creará ó abeiro do Lugo Emprega. O Plan contempla unha partida específica de 250.000 euros para a súa creación. Para a dixitalización e catalogación da información, contrataranse a 14 desempregados que se suman ós 4 traballadores que, na actualidade, traballan neste servizo situado no Pazo de San Marcos.

Na brigada traballan unhas 10 persoas, que se distribúen nos seguintes oficios: carpintería, metal, fontaneira, electricidade e albanelería. Tanto o traslado como a adecuación das novas instalacións no inmoble da Tolda, no que xa se realizaron obras de tapiado, cambio de fiestras e instalación de cámaras de seguridade, fanse co persoal propio o que evita aforrar custes na contratación dos traballos. Este servizo está a desenvolver un traballo esencial en todo o que é a reparación dos centros dependentes da Deputación: INLUDES, CENTRAD, Museos, Pazo dos Deportes, embarcadoiros, etc. Un exemplo da eficacia e da importancia deste traballo é a modificación do alumeado do Pazo no que se instalaron 80 puntos de iluminación.



Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova