Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presentará na Feira Internacional de Turismo o Museo Interactivo de Historia


# Martes, 18/01/2011
O Alcalde de Lugo presentará o MIHL, o Museo Interactivo de Historia de Lugo, un proxecto innovador tanto na súa arquitectura como na instalación museográfica

Fitur, que alcanza a súa 31 edición, celebrarase en Madrid dende mañá mércores 19 de xaneiro ata o domingo 23 de xaneiro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistirá a unha nova edición da Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid, e que este ano celebra a súa 31 edición. O Concello de Lugo acude este ano para presentar os atractivos turísticos da cidade, entre os que destaca o MIHL, Museo Interactivo de Historia de Lugo. Trátase dunha nova infraestrutura cultural única en España, que contribuirá á potenciación económica da cidade de Lugo ao convertela nun destino turístico de primeiro nivel, e supoñer un atractivo máis para o visitante.

Ademais, o Concello de Lugo porá a disposición de todos os medios unha memoria que inclúe toda a programación e actividades desenvoltas durante o pasado ano 2010 baixo a marca Lugo10. Este programa conmemorativo do Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial foi unha iniciativa que parte desde o Concello de Lugo e que foi presentada na anterior edición de Fitur. Así, e baixo o nome de Lugo10, o Concello de Lugo xunto con outras institucións como a Deputación Provincial, o Goberno de España ou 16 empresas privadas da cidade, organizou durante o pasado ano máis dun cento de actividades nos ámbitos da cultura, a moda, o deporte ou a actividade comercial e hostaleira.

Está previsto que tanto o Alcalde de Lugo como o Presidente da Deputación, entre outras autoridades, acudan mañá á inauguración oficial de Fitur que correrá a cargo da Raiña Dona Sofía.

Posteriormente, López Orozco visitará o stand do Ministerio de Fomento, xunto ao Ministro José Blanco, e o de Turgalicia. Neste último está prevista a presentación, por parte da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (Apehl), da campaña “É para comer Lugo”, que terá lugar mañá no Pavillón de Galicia ás 15.30 horas.

http://www.lugo.es/ws/mihl

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova