Imprimir

O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS XERAIS ACOMPAÑAN A ALUMNOS DO COLEXIO LUIS PIMENTEL NO PRIMEIRO DÍA DOS ALMORZOS SAUDABLES QUE ORGANIZA O CONCELLO


18/1/2011 Dous mil douscentos escolares lucenses participarán na oitava edición desta campaña que se desenvolverá en 25 colexios ata o 17 de marzo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, acompañaron hoxe ó primeiro grupo de escolares que participan este curso no programa Almorzos Saudables, que organiza o Concello de Lugo.

López Orozco e Luisa Zarzuela animaron ós cativos a almorzar e a facelo do xeito máis saudable, consumindo leite ou produtos lácteos como queixo e iogur, froita e cereais ou pan.

O Alcalde lembrou que o Concello de Lugo foi pioneiro na posta en marcha desta iniciativa que xa chega a súa oitava edición. López Orozco explicoulle ós nenos a importancia de que ningún escolar lucense “vaia ó colexio sen almorzar debidamente, porque o maior esforzo físico e intelectual o facedes pola mañá” e díxolles que “un bo almorzo é necesario para ter a fortaleza necesaria para atender na clase e para facer o esforzo que require o estudo”.

Tamén lles dixo o Alcalde ós pequenos que “unha cousa alimentarse ben e outra é comer, non son sinónimos” polo que lles explicou que “é necesario ter hábitos saudables como evitar o consumo de bollería industrial, que non é boa para a saúde e contribúe á obesidade a idades temperás, porque ten moitas graxas animais. Ademais, animounos a facerlle chegar esta mensaxe ás súas familias.

A campaña de Almorzos Saudables iniciouse hoxe no colexio Luis Pimentel cun grupo de case medio cento de nenos e continuará no mesmo centro escolar mañá, mércores, e o xoves, día 20. 156 alumnos de primeiro e segundo de primaria do Luis Pimentel serán os primeiros en participar nos Almorzos Saudables que este ano chegan a súa oitava edición.

A campaña prolongarase ata o 17 de marzo e desenrolase baixo o lema “Non só comas, aliméntate”. Durante toda a campaña, unha dietista faralles chegar ós cativos a importancia de almorzar ben, e de tomar produtos saudables, antes de acudir ó colexio.

Este curso serán 2.200 nenos e nenas lucenses, con idades de seis a oito anos, de 25 centros escolares públicos, privados e concertados os que participen nos Almorzos Saudables que teñen como mascota a Cunquin.


www.lugo.es/ws/almorzossaudables