Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta a súa oferta turística en FITUR


# Mércores, 19/01/2011
O Alcalde de Lugo asistiu a inauguración da Feira Internacional de Turismo, que contou coa presenza da Raíña Dona Sofía


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Concello presenta o MIHL, o Museo Interactivo de Historia de Lugo, un proxecto innovador tanto na súa arquitectura como na instalación museográfica

Fitur, que alcanza a súa 31 edición, celebrarase en Madrid dende hoxe e ata o vindeiro domingo 23 de xaneiro



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu a unha nova edición da Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid entre o 19 e o 23 de xaneiro, e onde o Concello de Lugo presenta este ano o MILH, o Museo Interactivo de Historia de Lugo. Fitur, que alcanza a súa 31 edición, quedou oficialmente inaugurada hoxe ás 11.00 horas coa presenza da Raíña Dona Sofia.

Segundo destaca a organización, a alta participación confirmada é un síntoma da recuperación do sector turístico. Máis de 10.500 empresas orixinarias de 166 países están presentes na Feira de Turismo máis importantes de España e unha das máis relevantes do panorama internacional.

Os dez pabellóns da feira ocupan 75.000 metros cadrados de extensión, dos que 1.421 corresponden ao stand de Turgalicia, onde se sitúa a participación do Concello de Lugo. Nesta edición, Lugo presenta a súa oferta turística destacando a presentación do seu novo slogan “Lugo, tómate o teu tempo” e o MIHL, o Museo Interactivo de Historia de Lugo, ademais de presentar á prensa o dossier de actividades realizadas ao longo do pasado ano baixo a marca Lugo10.

Tras a inauguración oficial, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto co Ministro José Blanco, visitaron o stand do Ministerio de Fomento e o de Turgalicia. Neste último está prevista a presentación, por parte da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (Apehl), da campaña “É para comer Lugo”, que terá lugar no Pavillón de Galicia ás 15.30 horas.


Museo Interactivo de Historia de Lugo

O MIHL é o primeiro gran museo interactivo de Galicia. Trátase dunha nova infraestrutura cultural única en España, que contribuirá á potenciación económica da cidade de Lugo ao convertela nun destino turístico de primeiro nivel, e supoñer un atractivo máis para o visitante. Unha forma de coñecer máis de 2.000 anos de historia a través das máis modernas instalacións e medios tecnolóxicos. Un edificio concibido como un parque-museo adaptado ás condicións dun museo interactivo. Un proxecto innovador tanto na súa arquitectura como na instalación museográfica. O Museo está situado no barrio da Milagrosa, subterráneo e cuberto cun xardín, conta con máis de 11.000 metros cadrados de superficie. O MILH supón unha aposta polo crecemento económico da cidade e dos seus sectores produtivos grazas ao turismo.

Lugo, tómate o teu tempo

A Feira Internacional de Turismo foi o lugar elixido para presentar o novo slogan “Lugo, tómate o teu tempo”, mensaxe introducida na última campaña de promoción turística desenvolta pola Concellería de Turismo co fin de comercializar Lugo como destino turístico definitivo. A idea é transmitir que Lugo conta con múltiples atractivos turísticos e que merece a pena tomarse o seu tempo para coñecer a cidade.

Memoria Lugo10

Ademais, o Concello de Lugo porá a disposición de todos os medios unha memoria que inclúe toda a programación e actividades desenvoltas durante o pasado ano 2010 baixo a marca Lugo10. Este programa conmemorativo do Décimo Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial foi unha iniciativa que parte desde o Concello de Lugo e que foi presentada na anterior edición de Fitur. Así, e baixo o nome de Lugo10, o Concello de Lugo xunto con outras institucións como a Deputación Provincial, o Goberno de España ou 16 empresas privadas da cidade, organizou durante o pasado ano máis dun cento de actividades nos ámbitos da cultura, a moda, o deporte ou a actividade comercial e hostaleira.

www.lugo.es/ws/mihl

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova