Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello contratará 62 desempregados grazas o Plan Lugo Emprega que puxo en marcha a Deputación provincial


# Xoves, 20/01/2011
Os interesados disporán de cinco días hábiles para presentar as solicitudes unha vez que se publiquen as bases da convocatoria no BOP, que está prevista para o sábado

Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, anunciou hoxe que o Concello vai contratar 62 desempregados cos fondos que recibirá da Deputación a través do Plan Lugo Emprega, un Plan co que a institución presidida por José Ramón Gómez Besteiro colabora cos concellos para reducir a taxa de desemprego na provincia.

O Alcalde explicou que tanto o Goberno local como a Deputación provincial, malia non ter competencias en materia de emprego, teñen “unha clara preocupación polo emprego” e sinalou que “por iso é benvido este Plan da Deputación, que é para todos os concellos, sen discriminación, que nos acollemos a el voluntariamente, e os fondos distribúense tendo en conta o número de parados que hai en cada Concello”. “Por iso o de Lugo, que é o Concello da provincia que ten máis poboación e máis parados, recibe unha asignación maior”, destacou López Orozco.

O Alcalde tamén reivindicou que fagan o mesmo outras administracións, como a Xunta de Galicia, da que dixo que “ten as competencias en emprego e recibe fondos tanto da Unión Europea como do Ministerio de Traballo e hai pouco vimos como o noso Concello recibiu case 400.000 euros menos no Plan de Cooperación polo que só puidemos contratar 14 parados, e, por primeira vez, non se nos concedeu ningunha escola obradoiro” .

“A administración competente na materia do paro non está a facer unha boa política”, recalcou o Alcalde e sinalou que “mentres algúns se adican a falar do paro hai outras administracións que facemos por tratar de enxugar as dificultades que pasan algunhas familias de Lugo”.

62 contratos de seis meses

Segundo informou López Orozco, o Concello poderá contratar 62 desempregados durante seis meses grazas ós preto de 800.000 euros que recibirá do Plan Lugo Emprega. Os postos de traballo serán 42 de peóns, 5 de auxiliares administrativos, 4 de ordenanzas, 3 de técnicos medios, 3 de dinamizadores, 3 de especialistas informáticos e 2 de delineantes.

Para acceder a estes postos será requisito imprescindible aportar certificación de estar parado, segundo explicou o Alcalde. Tamén anunciou que unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, o que está previsto para o sábado, día 22, os interesados disporán de cinco días hábiles de prazo para presentar as súas solicitudes no Rexistro do Concello. As bases da convocatoria tamén se poden consultar na páxina web do Concello www.lugo.es e o impreso de solicitude tamén está colgado na web municipal .

O Plan de Emprego Provincial Lugo Emprega ten como obxectivo principal reducir a taxa de desemprego na provincia. Consiste na cooperación da Deputación cos Concellos con dous obxectivos. En primeiro lugar, o de mitigar as necesidades económicas dos desempregados da provincia e favorecer a súa conexión co mercado laboral. E tamén vai contribuír a contrarrestar a diminución de ingresos que están a sufrir os Concellos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova