Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

4ª Xuntanza do grupo de traballo sobre Concellos e Educación


# Xoves, 20/01/2011
Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol

Imaxe Asociada

Como resultado da convocatoria realizada polos Concellos de Vigo e Santiago, representantes das cidades de: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra mantivemos hoxe, 20 de xaneiro de 2010 na cidade de Ourense a IV Xuntanza do Grupo de Traballo sobre Concellos e Educación.

Os representantes dos Concellos, concelleiros e técnicos responsables desta área, continúan os traballos programados nas anteriores sesións celebradas nas cidades de Santiago, Vigo e Lugo:

A orde do día atendeu os seguintes temas:


1. XESTIÓNS REALIZADAS DESDE A ÚLTIMA REUNIÓN PLENARIA

2. ACTAS DAS COMISIÓNS SECTORIAIS:
- Rede educativa municipal Educación infantil 0-3
- Escolas municipais de música e artes escénicas
- Obrigas municipais. Plan de modernización dos equipamentos escolares de Galicia.
- Programa de apertura de Centros escolares fóra do horario lectivo

3. CALENDARIO E CONTIDOS PARA EXPOSICIÓNS DE BOAS PRÁCTICAS A REDOR DA TEMÁTICA DAS COMISIÓNS SECTORIAIS

4. AVANCE DE PROPOSTAS PARA A FEGAMP

5. COMEDORES ESCOLARES E PROGRAMA MADRUGADORES. ROLDA DE INTERVENCIÓNS DOS CONCELLOS

6. PROPOSTA DA CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN DE VIGO DE MOCIÓN A PRESENTAR NOS PLENOS DOS CONCELLOS SOBRE ORDE QUE REGULA A CONVOCATORIA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN RELATIVA Á UTILIZACIÓN DOS CENTROS FÓRA DO HORARIO LECTIVO

Sintese do desenvolvemento da orde do día:

Punto 1.- No primeiro punto da orde do día deuse conta das xestións realizadas polo Grupo de traballo co Presidente da Federación alega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

- Reiteramos, diante do silencio da Consellería de Educación, a urxencia da celebración da entrevista solicitada no mes de novembro ao Conselleiro de Educación por este Grupo de cidades, que a data de hoxe non tivo ningunha resposta por parte da Xunta de Galicia. O obxecto desta entrevista é iniciar unha relación estable que permita abranguer os diferentes temas tratados ao longo das reunións deste Grupo. Con tal motivo, as concelleiras de educación das sete cidades do Grupo, presentarán en cada Pleno dos seus respectivos concellos unha moción para instar á Xunta de Galicia que dea cumprida resposta a esta demanda.

Punto 2.- O grupo de traballo “Concellos e Educación” procedeu á aprobación das actas elaboradas polas comisións sectoriais na súa primeira xuntanza constitutiva:

Comisións sectoriais:

- Rede Educativa 0-3 de Educación Infantil: Comisión de traballo para a elaboración dun modelo de xestión e financiamento desde a perspectiva municipal.

Salientamos a demanda de que a dependencia da Rede de EIM pase definitivamente da Consellería de Traballo á competencia da Consellería de Educación; ínstase así mesmo á concreción dun plan de financiamento específico para sostenemento das escolas infantís 0-3. Neste senso, proponse o estudo de fórmulas concretas de colaboración, mediante convenios marco que estipulen distintas porcentaxes de aportación económica por parte do goberno autonómico, administración local e familias usuarias. No proceso de planificación e financiamento esiximos a plena participación dos Concellos, que veñen sendo protagonistas da implantación desta etapa educativa en Galicia.

- Escolas Municipais de Música e Artes Escénicas: comisión de traballo destinada a definir un modelo de xestión, financiamento e deseño curricular.

Denunciouse o sistema actual de axudas ás escolas de música e artes escénicas, que se concreta anualmente na convocatoria de subvencións aos centros por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que non resposta en absoluto a criterios obxectivos de valoración, nin contribúe esencialmente ao reparto das cargas orzamentarias que os municipios soportan no proceso de xestión deste sector educativo, maioritario na poboación e básico para nutrir ás outras áreas da educación regrada.
Tratouse a necesidade de redefinir o modelo pedagóxico e a súa integración no conxunto das ensinanzas artísticas especializadas, regradas e non regradas, cunha especial mención á promoción das prácticas da música e artes escénicas nos sectores da poboación en risco de exclusión social, a integración cultural das comunidades de inmigrantes, a protección e o desenvolvemento das artes musicais e teatrais vinculadas ao patrimonio inmaterial, ata a música e o teatro entendidos como unha actividade comunitaria asociada ao equilibrio e á saúde social.

- Obrigas Municipais sobre obras de conservación, reparación e mantemento en centros de ensino público. Plan de Modernización dos Equipamentos Escolares de Galicia: comisión de traballo destinada a definir o estudo de propostas sobre o estado xeral de conservación dos centros de ensino públicos de infantil e primaria e a actuación concertada entre a Administración Local e Autonómica para a súa mellora e modernización.

   - Ponse de manifesto a situación actual de incomunicación entre a administración local e a autonómica, situación que se considera insostible para acadar a obrigada calidade do ensino público na nosa comunidade.

   - No mesmo senso, reitérase a disposición a colaborar activamente coa Comisión de educación da FEGAMP, para colaborar na consecución dos seus obxectivos, especialmente no referido ao desenvolvemento e cumprimento do Pacto Local.

   - Exprésase a necesidade de contar cun diagnóstico sistematizado da situación material do equipamento escolar de Galicia, que sirva de base á redacción do Plan de Modernización da Rede Escolar de Galicia.

   - Cómpre aclarar a distribución de funcións e obrigas entre as administracións local e autonómica, poñendo fin á confusión actual e posibilitando unha actuación concertada entre as administracións baseada no consenso, a planificación, a mellora das infraestruturas e os acordos comúns.

   - Maniféstase a necesidade urxente de completar os compromisos sobre financiamento autonómico de subministros de combustible e enerxéticos aos centros, facéndose cargo a Xunta de Galicia da totalidade dos gastos, con independencia de que os sistemas de alimentación sexan por gasóleo,electricidade ou gas natural.

   - O mal estado físico dos equipamentos educativos de Galicia está a supoñer un enorme e insostible gasto de mantemento por parte dos Concellos que deben ser, pois, parte directamente interesada na modernización xeral dos edificios. A planificación rigorosa dos investimentos da administración autonómica debería centrarse,inicialmente naqueles aspectos que máis incidencia teñen sobre a seguridade e a confortabilidade da edificación: cubertas, carpinterías exteriores e interiores, instalacións eléctricas, de calefacción e servizos hixiénicos, modernización tecnolóxica, entre outros.

   - Neste proceso de planificación, os Concellos deben ser tidos en conta e participar na elaboración do Plan e na programación das accións e, se é o caso, concertar expresamente, mediante formas xurídicas que garanticen o pleno cumprimento dos compromisos de cada parte, a súa participación voluntaria nas accións de mellora no seu ámbito municipal.

- Programa de Apertura de Centros Escolares Fóra do Horario Lectivo: comisión de traballo destinada á elaboración dunha proposta de modificación da actual convocatoria de subvencións e a definición dun modelo de xestión municipal de programas de apertura de centros fóra do horario lectivo.

Diante da nova convocatoria destas subvencións, o Grupo de Cidades manifesta rotundamente o seu desacordo coa mesma, que non respecta os programas que no ámbito da conciliación da vida familiar, persoal e laboral os concellos veñen desenvolvendo nos últimos vinte anos cun grande investimento de recursos humanos e materiais.. Neste senso trasládanlle á Consellería de Educación:

1. A proposta de anulación da actual convocatoria tal e como está prantexada.
2. Unha solicitude de entrevista inmediata coa Consellería de Educación co obxecto de comunicarlle as alegacións consensuadas polo Grupo de Traballo respecto da Orde.
3. Entendendo, así mesmo, que o lóxico dunha convocatoria destas características sería acordar un marco xeral regulamentario que permitise o establecemento de convenios con cada concello.

Punto 3 e 4.- Nesta terceira reunión definiuse o calendario e contidos de “Boas Prácticas” arredor das comisións sectoriais, acordando solicitar o apoio da FEGAMP, a través do seu Presidente, para contar en diferentes sesións de traballo na que podan participar os concellos interesados, experiencias relevantes que podan orientar, contrastar e concretar propostas eficientes que sexan de utilidade para cada concello.

Punto 5.- Tamén foi obxecto de especial consideración e debate a experiencia dos concellos participantes no financiamento, xestión e perspectivas do servizo de comedores escolares. Ponse de manifesto a diversidade de prestacións e a falta dunha regulación autonómica do servizo que contemple tanto a responsabilidade que corresponde ás administracións públicas como o seu financiamento. Debe quedar constancia o enorme esforzo presupostario dos concellos neste ámbito, sen que sexa unha competencia propia deles e sen que este esforzo teña unha correspondencia proporcionada por parte da Xunta de Galicia que, unha vez máis, deriva nos concellos o que debería ser unha acción decidida e propia dentro do ámbito da súa competencia como Administración Educativa.

Punto 6.- Para rematar esta densa xuntanza do Grupo de Concellos e Educación acorda presentar en cada concello unha moción en cada pleno municipal no que se solicita a anulación dos procedementos que regulan A CONVOCATORIA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN RELATIVA Á UTILIZACIÓN DOS CENTROS FÓRA DO HORARIO LECTIVO, e a concertación cos concellos do financiamento dos programas que prestan neste ámbito, pasando dunha política de subvencións a outra máis xusta e racional de financiamento conveniado.

Por último, acordouse convocar a V reunión do Grupo de Traballo Concellos e Educación para o vindeiro venres, 24 de febreiro de 2011.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova