Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello amplía o servizo de buses urbanos ó novo Hospital e ó medio rural


# Venres, 21/01/2011
Os Concelleiros de Transportes e de Zona Rural presentan os novos servizos que funcionarán a partir de febreiro

Imaxe Asociada

Os Concelleiros de Transportes, José Rábade, e de Zona Rural, Lino González Dopeso, presentaron hoxe os novos servizos de autobuses urbanos que comunicarán co Hospital Lucus Augusti e as melloras no transporte público para distintas parroquias da zona rural.

O Concelleiro de Transportes manifestou que “se trata de dar máis e mellor servizo ó novo Hospital e tamén da creación de novos servizos para a zona rural”.

José Rábade considerou que “este debe ser o ano do transporte público por dúas cuestións claves: porque estamos dando un bo servizo ó novo hospital e porque se vai dispor de información en tempo real da chegada dos buses nas paradas coa implantación do sistema SAE a finais do mes de febreiro o en marzo”.

Rábade considerou que estas melloras contribuirá a remontar a diminución do número de usuarios dos buses que se rexistra nos últimos anos e que obedece, segundo explicou o Concelleiro de Transportes, a cuestións como o descenso á metade do número de universitarios e a que moitos dos estudantes residentes na cidade agora viven nunha zona próxima ós centros académicos.

Pola súa parte, o Concelleiro de Zona Rural sinalou que moitas parroquias que antes carecían do servizo de buses urbanos van dispor, grazas as novidades presentadas hoxe, deste medio de transporte público. Así, indicou que “ata agora tiñamos un servizo a Pías e outro que servía a parte de Santa María de Bóveda e Santa Comba e agora terán bus urbano os veciños de Santa Comba, Nadela, Recimil, San Mamede dos Anxos, San Andrés de Castro, Conturiz, Bosende, San Andrés de Castro, Santa María de Bóveda, Calde, Esperante, San Pedro de Soñar e A Louzaneta”.

Lino González opinou que “se trata dun cambio substancial” e instou ós veciños destas parroquias a “defender o servizo do bus facendo uso del”. “Se non o defenden eles acabará esmorecendo, en cambio se o utilizan acabará aumentando o servizo”, sinalou o Concelleiro de Medio Rural quen recoñeceu que “levabamos moito tempo tratando de aumentar o servizo de transporte público ó medio rural”

A partir de febreiro

As novidades que hoxe presentaron os dous Concelleiros entrarán en funcionamento o día 1 de febreiro e son as seguintes:

-Modificación dos horarios da liña 14: os servizos das 8.50 e 15.50 adiántanse ás 8.35 e 15.35 co fin de atender a demanda dos viaxeiros que chegan a estación de autobuses desde outros puntos da provincia para acudir a consultas médicas ás 9.00 e as 16.00. Ademais o servizo con saída de Lugo ás 7.20 desde a rotonda do Sagrado Corazón circulará polas Gándaras en lugar da Fervedoira, un cambio que se fai a petición dos veciños da zona.

-Modificación nos percorridos do servizo especial de Pías: a saída que se efectuaba desde Bolaño Rivadeneira pasará a facerse desde Ronda da Muralla (Sindicatos)
A finalización tamén pasará da rúa Bolaño Rivadeneira á Ronda da Muralla (Obras Públicas)

-Modificación no percorrido do servizo especial 14B: o comezo da ruta pasará da Avda. Alfonso X o Sabio á Avda. Magoi, nº 12, onde tamén rematará o traxecto.

-Liña 8 que comunicará Garabolos-O Carqueixo-Hospital Lucus Augusti: funcionará de luns a venres e sábados pola mañá, en días laborables. Os horarios serán de 7.30 a 22.40 e os sábados ata as 14.40.

-Barbaín-Farxocos-Bóveda: funcionará de luns a venres (laborables) e terá catro frecuencias. Sairá de Lugo ás 8.00, 12.25, 16.00 e 18.30 e de Bóveda ás 8.20, 12.45, 16.20 e 18.50.

-Nadela-Recimil-Conturiz-Bosende: haberá servizos de luns a venres (laborables) con catro frecuencias. De Lugo sairá ás 9.45, 11.45, 16.45 e 20.30 e de Nadela, ás 10.00, 12.00, 17.00 e 20.50.

-Calde-Carballido-As Travesas-Esperante: haberá buses de luns a venres (laborables) e establécense catro frecuencias. Terá saída de Lugo ás 10.30, 13.50, 17.30 e 21.15 e de Calde, ás 10.55, 14.15, 17.55 e 21.45.

www.lugo.es/ws/transportes

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova