Imprimir

O LUNS ABRIRASE O PRAZO DE SOLICITUDE PARA ACCEDER ÓS 62 POSTOS DE TRABALLO QUE VAI CREAR O CONCELLO CON FONDOS DO PLAN LUGO EMPREGA QUE FINANCIA A DEPUTACIÓN PROVINCIAL


22/1/2011 Os gobernos do Concello e a Deputación colaboran na loita contra o desemprego

O vindeiro luns, día 24 de xaneiro, abrirase o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria que fixo o Concello de Lugo para crear 62 postos de traballo.

A creación destas prazas é posible grazas ós fondos que achega a Deputación provincial que vén de crear o Plan Lugo Emprega para dar traballo a persoas desempregadas da provincia durante seis meses.

O obxectivo do Plan Lugo Emprega é dobre, por un lado colaborar cos concellos da provincia para tratar de mitigar as dificultades económicas que pasan os desempregados da provincia e, o mesmo tempo, este Plan contribúe a contrarrestar a diminución de ingresos que sofren os Concellos.

O Alcalde, José López Orozco, asegurou que “iniciativas coma esta demostran que tanto o Concello como a Deputación colaboran para tratar de paliar o problema do desemprego, porque comparten a principal preocupación que teñen neste momento os veciños”.

López Orozco tamén anunciou este xoves que, grazas a este Plan da Deputación, o Concello de Lugo vai contar con preto de 800.000 euros para empregar a 62 persoas. A convocatoria é para 42 prazas de peón, 5 de auxiliares administrativos, 4 de ordenanzas, 3 de técnicos medios, 3 de dinamizadores, outros 3 de especialistas informáticos e 2 de delineantes.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria nas que se establecen as normas para a selección de persoal laboral temporal que prestará servizos no Concello de Lugo con cargo ó Plan de Emprego Provincial 2011 (Plan Lugo Emprega).

As bases establecen que o prazo para presentar as solicitudes será de cinco días hábiles desde a publicación no BOP. Nelas figuran as prazas que se convocan, os requisitos que se deben cumprir, entre os que figura o de estar en situación de desemprego, e tamén se publica o formulario para facer a solicitude que se pode descargar, ademais, na web do Concello de Lugo www.lugo.es, na que tamén se difunden as bases desta convocatoria.

As solicitudes débense presentar no Rexistro do Concello, situado no Edificio administrativo da administración municipal, na Ronda da Muralla.

Descargar Solicitude e Bases