Imprimir

O GOBERNO MUNICIPAL INFANTIL DE LUGO RECIBE O RECOÑECEMENTO DA ASOCIACIÓN INTERNACIONAL DE CIDADES EDUCADORAS


27/1/2011

O Alcalde de Lugo, a Concelleira de Educación, e o Alcalde do Goberno Municipal Infantil deron a coñecer hoxe o recoñecemento internacional recibido a esta actividade como experiencia innovadora

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, e o Alcalde do VIII Goberno Municipal Infantil, Brais Vázquez, deron a coñecer esta mañá o recoñecemento outorgado pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras ao proxecto educativo do Concello de Lugo “Goberno Municipal Infantil” como unha experiencia innovadora.

O Alcalde explicou que o Concello recibe este recoñecemento “con auténtica satisfacción, sobretodo por converterse nun modelo en algo tan importante como é a educación”, e destacou que o Goberno Municipal “non é un xogo senón unha forma de participación democrática para os máis xóvenes”.

O Goberno Municipal Infantil no Concello de Lugo xurdiu hai 8 anos coa idea de crear un espazo no que as nenas e os nenos da sociedade democrática tiveran liberdade para expoñer, con total autonomía, os seus puntos de vista sobre os problemas que máis lles preocupan da cidade na que viven.

Segundo sinalou o Alcalde de Lugo, os obxectivos principais do Goberno Municipal Infantil son os de reflexionar sobre a sociedade democrática e o seu cambio, promover posturas críticas e pacíficas con respecto á cidade e aos recursos existentes e, achegar ás nenas e nenos á realidade social do seu entorno. E son precisamente os obxectivos desta actividade os que a Asociación Internacional de Cidades Educadoras ven de recoñecer como innovadores no eido educativo e democrático, servindo de referencia para outras cidades.

Tras o recoñecemento de outras tres actividades da Concellería de Educación, “Hortos na escola”, “Matemáticas na rúa” e “Vivir Xuntos, convivir”), é agora o Goberno Municipal Infantil do Concello de Lugo o que acada repercusión internacional e vai servir de referencia municipal para outras administracións locais no eido de crear espazos de participación e espazos educadores.

Discurso do Alcalde Infantil do VIII Goberno Municipal Infantil de Lugo

Os nenos e nenas que formamos parte do VIII Goberno  Municipal  Infantil  de Lugo sentímonos moi sorprendidos e ledos ao saber que esta actividade foi recoñecida como “experiencia educativa innovadora”.

Nos xa pensábamos que o Goberno Municipal Infantil era una actividade moi útil e interesante , que ademais de permitir que nos relacionemos os alumnos dos distintos colexios públicos e privados da cidade, acércanos a actividades que nos permiten coñecer como está a nosa cidade e cales son as súas necesidades para ser mais agradable para vivir.

Permítenos tamén participar e opinar sobre cales son as actuacións máis necesarias e cales son as máis urxentes.

Nas reunións expoñemos e discutimos as propostas presentadas chegando entre todos a acordos dende o noso punto de vista, que a veces coincide e outras non coas dos maiores. Aprendemos a participar e a pensar,tendo en conta a opinión dos demais, para acadar o mellor para todos.

Esta actividade achéganos ademais ao coñecemento do funcionamento do Concello e dos Plenos Municipais que doutro xeito so coñeceriamos pola televisión.

Aínda que todavía non no lo  dixeron  sabemos que este recoñecemento esíxenos un maior esforzo na realización de propostas e en completar, o mellor posible, o traballo iniciado polos nenos participantes nas edicións anteriores do Goberno Municipal Infantil.

Goberno Infantil