Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde visitou o curso de carpintería de madeira do Plan Urban no que participan once persoas con dificultades de acceso ó mercado laboral


# Xoves, 27/01/2011


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Presidente da Fundación Laboral da Construción destaca a importancia da formación nun sector con saídas laborais

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, visitou hoxe un curso de carpintería de madeira dirixido a persoas con dificultades de acceso ó mercado laboral.

O Alcalde salientou a importancia de iniciativas coma esta que “facilitan a incorporación ó mercado laboral” e destacou que son once alumnos, tres mulleres e oito homes que “están a recibir formación nun sector moi importante na nosa provincia como é o da madeira”.

López Orozco explicou tamén que se trata dun curso “organizado polo Plan Urban, que financian a Unión Europea, a Deputación e o Concello que se imparte na Fundación Laboral da Construción desde o mes de novembro ata marzo”.

Pola súa parte, o Presidente da Fundación Laboral da Construción asegurou que “este é dun dos mellores cursos que se poden facer neste momento porque a formación en carpintería da madeira ten saídas laborais”.

Hipólito Trinidad explicou que “a carpintería de madeira estase a usar cada vez máis tanto na rehabilitación como en vivendas novas e hai falta de profesionais neste sector”.

Os alumnos participantes neste curso cobran unha beca de asistencia por importe de case 400 euros.

Trátase dun curso moi práctico no que os alumnos aprenden a montar portas e ventás no taller, tamén deseñaron 10 modelos de caixas para comercializar produtos autóctonos e a partir da vindeira semana farán prácticas na rehabilitación de elementos de madeira do vello cárcere. Concretamente, van restaurar dúas portas das celdas do cárcere, tamén farán tres portas novas que son necesarias para substituír as que había e recuperar varias celosías dos oratorios. Esta aprendizaxe seralles de utilidade para acceder a un posto de traballo, sobre todo tendo en conta que son labores dos que terá que facer a empresa construtora á que se lle adxudique a rehabilitación do edificio.

O curso consta de 510 horas de formación no oficio, 28 horas de prevención en riscos laborais e 2 horas de formación ambiental.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova