Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde asiste á presentación do centro de asesoramento empresarial da Deputación, Innova Empresa


# Martes, 01/02/2011
Este servizo, na sede do INLUDES e creado no marco do proxecto Innova-TE, nace coa vocación de crear emprego, acadar empresas máis competitivas e impulsar iniciativas emprendedoras mediante o uso das novas tecnoloxías

Imaxe Asociada
- Trátase do primeiro centro da provincia en ofrecer un asesoramento integral a empresarios, emprendedores e artesáns
- Unha das súas primeiras actuacións foi elaborar a Guía TIC que estende o uso das novas tecnoloxías entre o empresariado e publicita gratis ás firmas do sector


O Alcalde, José López Orozco, asistiou hoxe á inauguración do centro de asesoramento empresarial Innova Empresa da Deputación, que tivo lugar na sede do INLUDES. O acto estivo presidido polo titular do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e, ademais do Alcalde de Lugo, asistiron a el empresarios e personalidades da provincia. Innova Empresa é un servizo pioneiro en Lugo que nace no marco do proxecto tecnolóxico Innova-TE coa vocación de fomentar a creación de emprego, mellorar a competitividade e produtividade das empresas e impulsar iniciativas emprendedoras mediante o uso das novas tecnoloxías. É o primeiro centro da provincia en ofrecer un asesoramento integral a emprendedores, empresarios e artesáns, de maneira que estes poderán contar con apoio personalizado durante todo o proceso para a posta en marcha de calquera proxecto.

A carteira de servizos de Innova Empresa divídese en: asesoramento tecnolóxico a empresas e Pemes, asesoramento para a creación de empresas (axudas públicas, financiación, fiscalidade, contratación laboral...), información sobre os instrumentos e os programas de financiación pública de I+D+i e asesoramento para artesáns. O horario de atención presencial e por teléfono (982.250.010) é de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. Tamén se pode contactar a través de correo electrónico, na dirección: innova-empresaarrobadeputacionlugo.org

Ten unha páxina web (www.innova-empresa.es), activada tamén hoxe, na que se ofrece ó usuario información sobre innovación e tecnoloxía, iniciativas emprendedoras, axudas e formación, e experiencias de empresarios que incorporaron con éxito as novas tecnoloxías ós seus modelos de negocio tradicionais. Destaca a posibilidade de acceder a través deste portal ó escaparate de empresas TIC da provincia e de que as persoas interesadas en montar o seu propio negocio poidan facer un test para coñecer cal é realmente a súa capacidade emprendedora.

O Centro de Asesoramento Empresarial ten solicitado ante o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a creación nas súas dependencias dun Punto de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), un servizo que permite realizar os trámites de constitución e posta en marcha de sociedades limitadas e autónomos de maneira telemática. A través desta oficina, poderase poñer en marcha un proxecto empresarial en 48 horas.

Coa apertura de Innova Empresa, a Deputación facilita un profundo coñecemento das empresas lucenses, mide o peso real do tecido empresarial e permite aliñar con maior facilidade a oferta das TIC coa demanda dos demais sectores. Favorece por outra banda a concienciación do empresariado lucense de que as novas tecnoloxías e a innovación son un elemento diferenciador e clave para mellorar a competitividade e produtividade a medio prazo.

A Guía TIC

A elaboración da Guía TIC foi unha das primeiras actuacións de Innova Empresa. Esta publicación dixital, tamén dispoñible no portal do centro de asesoramento, está destinada a fomentar e facilitar o uso das novas tecnoloxías entre os empresarios e serve de pulo ás firmas do sector ó poder ofrecer e promocionar nela os seus produtos e servizos.

Por unha banda, a guía informa de maneira clara e sinxela sobre os beneficios que supón a implantación das TIC e os pasos básicos a seguir para facelo. A Guía TIC inclúe por outro lado unha relación de empresas tecnolóxicas da provincia de Lugo –froito dun intenso traballo de campo-, que palía o descoñecemento actual existente e serve de escaparate para que ofrezan todos os seus produtos e servizos. Polo momento están incluídas 88, aínda que todas as que desexen adherirse poderán facelo. No acto de hoxe repartíronse exemplares da publicación entre os asistentes, pero aqueles interesados en facerse con unha, só teñen que dirixirse ó centro.

Máis de 100 empresas tecnolóxicas en Lugo
Na actualidade existen na provincia lucense máis de 100 empresas relacionadas coas novas tecnoloxías. As 88 primeiras que colaboraron na elaboración da Guía TIC dan emprego a máis de 530 persoas e a súa facturación global ronda os 55 millóns de euros, o que supón o 0,84% do PIB da provincia. A gran maioría, un 76%, concéntranse no Concello de Lugo. A súa actividade está relacionada na gran parte dos casos co hardware (asistencia técnica e mantemento, venda de equipos, etc.), con Internet e os seus contidos, e coa consultoría tecnolóxica.

A posta en marcha do Centro de Asesoramento Empresarial forma parte do Innova-TE que impulsa a Deputación, o programa para a implantación da Administración Electrónica máis ambicioso de Galicia, pois prevé ter listo o proceso neste 2011, financiado nun 70% con fondos Feder e nun 30% polo INLUDES. Este proxecto permitirá acabar coa fenda dixital existente ata o de agora en Lugo e sensibilizar ós cidadáns da importancia do uso das TIC, ademais de mellorar os canles de atención do organismo provincial e dos Concellos á cidadanía e poñer as novas tecnoloxías ó servizo do empresariado, potenciando o seu uso de cara ó fomento da capacidade empresarial e a xeración de emprego.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova