Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta unha nova ordenanza do Fogar do Transeunte


# Martes, 01/02/2011
A Concellería de Benestar Social e Igualdade presentou hoxe a nova ordenanza que regula o Fogar do Transeunte e que será levada ao vindeiro pleno do luns día 07 de febreiro

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Concelleira tamén deu a coñecer dous novos certámenes narrativos: “Entre iguais”, dirixido a rapazas e rapaces de 12 a 18 anos e “Toda unha vida”, dirixido a mulleres a partir dos 60 anos


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou hoxe en rolda de prensa unha nova ordenanza, acordada na Comisión de Benestar Social por todos os partidos políticos, para a regulación do Fogar do Transeunte. Esta ordenanza deberá ser aprobada no pleno muncipal do vindeiro luns día 07 de febreiro.

A nova ordenanza define como albergues ao aloxamento de carácter temporal destinado a persoas en situación de emerxencia social, transeuntes ou persoas sen fogar, dándolles aloxamento e manutencion por un periodo limitado de tempo. Do mesmo xeito, a ordenanza recolle a natureza do Fogar do Transeunte, e define a situación das persoas que poden acceder, así como os seus servizos e normas de funcionamento.

A ordenanza reguladora define o concepto de Transeunte, e polo tanto persoas que poden acudir ao Fogar do Transeunte. Según explicou a Concelleira de Benestar Social, está destinado a persoas que sen estar empadroadas nin ter residencia en Lugo atópanse en situación de desarraigo ou sen recursos económicos, persoas sen fogar, sen domicilio e sen recursos económicos do Concello de Lugo, persoas que se atopen en situación de exclusión ou emerxencia social e que carezan de fogar, persoas que sufriran algún tipo de catástrofe persoal ou civil, ou menores acompañados ou en situación de emerxencia.

Según anunciou a Concelleira, os requisitos para poder acceder ao Fogar do Transeunte son: ser maior de idade, agás os casos dos menores, valerse por sí mesmo, non padecer enfermedades psíquicas que requiran un tratamento médico controlado, non dispor de medios económicos para financiar un aloxamento, e non mostrar síntomas de embriaguez ou de consumo de drogas.




O Fogar do Transeunte ofrece varios servizos, de aloxamento, aloxamento con manutención, manutención, hixiene e lavandería. A duración das estadías é de 3 días por mes, que poden ser consecutivos ou alternos. Sen embargo, e según sinalou Carmen Basadre, estes días poden prorrogarse ata 6, ou incluso pode haber casos de ata 3 meses. En casos excepcionais e xustificados, o prazo pode aumentarse ata os 6 meses.

A Concelleira lembrou que o Fogar do Transeunte, situado na rúa Deputación nº12, ten neste intre un total de 20 prazas para pernoctar, 15 delas para homes e 5 para mulleres ou familias. O servizo de xantar é de 40 prazas sen embargo, e según destacou Carmen Basadre, “na actualidade sírvense máis de 40 comidas. Sírvense todas as que son necesarias en varios turnos”. O horario do almorzo é de 8.00 a 9.00 horas, o de xantar de 12.30 a 14.30 horas e o de pernoctación é de 19.00 a 22.00 horas.

O presuposto do Fogar do Transeunte no ano 2010 foi de 396.000 euros, dos que 56.000 foron destinados ao xantar. Según anunciou a Concelleira este ano o orzamento é de 450.000 euros, aumentando o servizo de xantar a 70.000 euros.

A Concelleira fixo un pequeno balance dos usuarios no pasado 2010, onde 2.054 persoas pasaron polo Fogar do Transeunte, 171 eran mulleres, 1.883 foron homes, e 6 menores. En xaneiro de 2011, e según sinalou Carmen Basadre, atendéronse 194 persoas, 173 homes, 16 mulleres e 5 menores, todos eles inmigrantes e na súa maioría do este de Europa.

Carmen Basadre tamén deu a coñecer dous novos certamenes narrativos que organiza o Concello a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade.

Certame de narrativa xuvenil “Entre iguais”

“Entre iguais” é un certame dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, e según destacou a Concelleira, incluido dentro das actuacións do “II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Lugo”. Os traballos deberán ser inéditos, escritos en lingua galega, de tema libre, e baseado en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mulleres e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas, o acceso ao traballo, etc.

A extensión máxima será de cinco folios e cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos, dos que só un poderá ser premiado. Os traballos deben presentarse por triplicado, e enviaranse sen remite e, baixo lema indicando no sobre “Certame de Narrativa Xuvenil “Entre iguais”. Nun sobre pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e apelidos, enderezo, idade e teléfono da autora ou do autor. Os traballos deben enviarse á Casa da Muller, Avda. da Coruña, 212 (Parque da Milagrosa), ata o día 28 de febreiro de 2011.

Para os premios estabécense dúas categorías:


Categoría de 12 a 14 anos
1º PREMIO. Diploma e premio valorado en 200 €.
2º PREMIO. Diploma e premio valorado en 100 €.
3º PREMIO. Diploma e premio valorado en 60 €.
Categoría de 15 a 18 anos
1º PREMIO. Diploma e premio valorado en 250 €.
2º PREMIO. Diploma e premio valorado en 150 €.
3º PREMIO. Diploma e premio valorado en 100 €.

O xurado estará composto pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, unha ou un representante do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade do Concello de Lugo, unha profesora ou un profesor de literatura e unha técnica ou un técnico da Casa da Muller. A resolución do xurado, que se comunicará con antelación ás persoas gañadoras, farase pública no mes de marzo de 2011. Os premios serán entregados no transcurso dun acto que se anunciará oportunamente, coincidindo coa celebración do 8 de marzo: “Día Internacional das Mulleres”. Os traballos premiados quedarán a dispor do Concello de Lugo, que poderá publicalos ou facer o uso deles que estime conveniente.

Para solicitar as bases ou máis información, poden dirixirse á Casa da Muller ou no teléfono 982 297 412. Tamén, a través do correo electrónico: casadamullerarrobaconcellodelugo.org

“Toda unha vida” certame de narrativa para mulleres


Co gallo da celebración do 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres” o Concello de Lugo convoca “Toda unha vida”, certame de narrativa dirixido a mulleres a partir dos 60 anos. Os traballos deberán ser inéditos, escritos en lingua galega ou castelá. O tema será libre, e os traballos destacarán calquera aspecto basado na experiencia acumulada ao longo dos anos da vida: os amores, as amizades, os traballos, as diversions...

As obras deberán enviarse sen remite e, baixo lema, indicando no sobre “Toda unha vida” Certame de Narrativa para mulleres. Nun sobre pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e apelidos, enderezo, idade e teléfono da autora. Cada participante poderá presentar un máximo de tres, dos que só un poderá ser premiado. Os traballos poderán entregarse nos centros de convivencia do Concello de Lugo ata a o día 28 de febreiro de 2011.

Todas as participantes recibirán un agasallo. E ademais, o traballo máis valorado polo Xurado, integrado pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, unha escritora ou escrito e unha técnica ou un técnico do Concello de Lugo, recibirá un premio. A resolución do xurado, que se comunicará con antelación ás persoas gañadoras, farase pública no mes de marzo de 2011. Os premios serán entregados no transcurso dun acto que se celebrará o día 11 de marzo. Todos os traballos presentados serán publicados polo do Concello de Lugo.
Para solicitar as bases ou máis información, poden dirixirse á Casa da Muller , Centros de Convivencia Municipais ou no teléfono 982 297 412. Tamén, a través do correo electrónico: casadamullerarrobaconcellodelugo.org
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova