Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Mañá abrirase o prazo para solicitar praza nas novas garderías municipais da Piringalla e San Fiz


# Martes, 01/02/2011
O Alcalde anunciou a apertura do prazo de solicitude, que será de quince días, e volveulle pedir á Xunta que colabore no mantenemento das escolas infantís de Lugo

O Concello adica case dous millóns de euros de fondos propios e do Plan E para duplicar o número de prazas en garderías públicas na cidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe que este mércores se abrirá o período para a solicitude de praza nas novas garderías construídas polo Concello con fondos propios e do Goberno central nos barrios da Piringalla e San Fiz.
O Alcalde, que estivo acompañado pola Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, informou da publicación, hoxe, no Boletín Oficial da Provincia, da convocatoria extraordinaria de prazas para as escolas infantís municipais coas que se vai duplicar o número de prazas existentes nas garderías construídas polo Concello.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, López Orozco reclamoulle, unha vez máis á Xunta de Galicia que “colabore cos pais e nais de Lugo para que as garderías se poidan abrir co menor custe posible para os pais e para o Concello”, algo que para o rexedor municipal “é de xustiza”.
O Alcalde fixo de novo esta reclamación a través dunha Carta aberta dirixida ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que, logo de relatar o “gran esforzo económico feito polo Concello” indicou que “vostede anunciou que sen van poñer ó servizo de Galicia 25 novas garderías coa creación de 1.000 novas prazas, e aquí lle ofrecemos 110 pazas, creo que non pode haber colaboración máis desinteresada”.
O Alcalde explicou que utilizaba a fórmula da carta aberta para facerlle esta petición ó Presidente da Xunta dado que “as distintas cartas que lle mandei en varias ocasións non recibiron resposta”
López Orozco sinalou tamén “non hai ningún Concello en Galicia que fixera un esforzo como o realizado por Lugo e paréceme de xustiza o que pedimos, co enorme esforzo que fixemos os lucenses” e tamén asegurou que para o Goberno local temas como a educación infantil “son apostas de goberno ás que non imos renunciar”.
Ademais, o Alcalde indicou que xa está adxudicada a instalación de mobiliario nas novas garderías e prevese que nesta semana se resolva que empresa se fará cargo da xestión indirecta das dúas escolas infantís municipais.
O investimento total para poñer en marcha as duas novas garderías de Lugo ascende a 1.985.585 euros, que se desglosan así: o custo da construcción da escola infantil da Piringalla foi de 593.718 euros e o da gardería de San Fiz, de 763.056. A estas cifras hai que engadir os custes dos contratos de xestión, 260.012 euros no caso da gardería da Piringalla e 261.799 na de San Fiz, e os de equipamentos, que acadou os 51.000 euros no primeiro centro e os 56.000 no segundo.
A nova escola infantil da Piringalla disporá dunha unidade para nenos de 3 meses a 1 ano, con 7 prazas; unha unidade para nenos de 1 a 2 anos, con 12 prazas, e duas unidades para pequenos de 2 a 3 anos, con 33 prazas. A escola infantil de San Fiz contará cunha unidade para bebés de 3 meses a 1 ano, con 7 prazas; outra unidade para nenos de 1 anos a 2 anos, con 12 prazas, e duas unidades para cativos de 2 a e anos, con 39 prazas. Ademais resérvanse tres prazas de emerxencia social para o curso 2010/11.
O prazo para presentar as solicitudes de ingreso nesta convocatoria extraordinaria queda establecido en quince días naturais a partir de mañá. As solicitudes debidamente cubertas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova