Cargando....
Concello de Lugo
07/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Servizos Sociais do Concello de Lugo fixeron preto de 20.000 actuacións no ano 2010


# Luns, 07/02/2011
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade presentou hoxe os datos dos Servizos Sociais nos Centros de Convivencia Municipais durante o ano 2010

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Carmen Basadre destacou que non existen listas de espera nos servizos de urxencias, e solicitou a Xunta un maior apoio tanto económico como de recursos humanos para axilizar as listas de espera dos Centros Sociais

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou hoxe os datos do pasado ano 2010 en referencia ás atencións que se levaron a cabo nos Centros de Convivencia Municipais.

En total, Servizos Sociais abriu no pasado ano 9.391 expedientes. Atendéndose 1.176 novos casos, e 1.116 solicitudes de información. Segundo destacou a Concelleira, o 34,83% da información solicitada foi relacionada co sector de maiores, seguido de familia, emigrantes e minorías étnicas. O 68,02% das atencións foron solicitadas por mulleres, e o 52,37% na franxa dos 30 aos 64 anos. Os maiores de 65 anos supuxeron o 35,29% das atencións de servizos sociais. Polo que respecta a poboación, o 89,38% pertencían á poboación urbana.

Segundo destacou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, o sector de intervención con maior demanda foi o de maiores, con 3.282 intervencións e un porcentaxe do 34,83%, seguido de familia, inmigrantes e minorías étnicas.

Polo que respecta a problemáticas e demandas, os servizos sociais levaron a cabo, durante o ano 2010, un total de 19.554 actuacións diversas (8.351 problemáticas detectadas e 11.243 demandas). A información máis solicitada, segundo destacou Basadre son as relacionadas con emerxencia social municipal, emerxencia social da Xunta, lei dependencia, RISGA (renta de integración social de Galicia), ou axuda no fogar… Os Centros de Convivencia fixeron durante o pasado ano 4.615 seguimentos, 7.462 xestións relacionadas coas prestacións, e 3.299 derivacións a outros servizos, centros ou institucións.

En referencia aos Centros de Convivencia Municipais, a Concelleira destacou que foi o Centro Uxío Novoneyra o que máis expedientes novos tramitou, con 328.

O Centro que rexistrou unha maior afluencia foi o da Milagrosa, con 2.664 expedientes, seguido de Lamas de Prado, con 1905, o Sagrado Corazón, o Uxío Novoneyra, e o Maruja Mallo, que xestionou 1062 expedientes.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre destacou que en 2010 houbo un aumento das solicitudes en servizos sociais debido “aos momentos críticos que estamos vivindo”. A pesar deste aumento, Basadre sinalou que nas consideradas emerxencias sociais non existe lista de espera, xa que precisamente son casos de urxencia. As listas de espera, explicou, si existen nos Centros de Convivencia, agás no de Fingoi, pero “trátase dunhas listas de espera que dan día e hora concretos”.

A Concelleira aproveitou para solicitar á Xunta unha maior colaboración “xa non só en axudas económicas, que tamén, senón en traballadores sociais”. Segundo destacou Basadre, dende a entrada en vigor da Lei de Dependencia, aumentaron as listas de espera xa que existe un maior volume de traballo pero non se aumentaron as axudas, nin económicas nin con persoal.

Por último, a Concelleira sinalou que “temos lista de espera nos Centros Sociais, con día e hora concretos, pero non existe lista de espera nin para os Centros de día nin para a axuda a domicilio”.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova