Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Centro Dramático Galego clausura a XI Mostra de Teatro Clásico de Lugo coa posta en escena do espectáculo "Salomé"


# Luns, 07/02/2011
As entradas poden adquirise nas taquillas do Auditorio dúas horas antes do comezo da función

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A representación en Lugo será a única que faga a obra do Centro Dramático Galego na provincia

“Salomé” pechará a Mostra de Teatro Clásico no Auditorio Gustavo Freire o xoves, día 10 de febreiro, ás 20.30 horas



A Concelleira de Cultura Nuria Mundiña, presentou hoxe, xunto co director teatral Carlos Santiago e o actor lucense Alberte Cabarcos, a obra “Salomé”, última montaxe do Centro Dramático Galego, e obra que pechará o vindeiro xoves día 10 de febreiro a XI Mostra de Teatro Clásico de Lugo.

Nuria Mundiña destacou que o Centro Dramático Galego non visitaba Lugo dende o ano 2008, e animou a todos os lucenses a coñecer esta última montaxe. A Concelleira aproveitou para salientar que as taquillas do Auditorio Gustavo Freire permanecerán abertas dúas horas antes da función, e solicitou a xente puntualidade para poder manter os horarios previstos polas compañías.

Pola súa banda, o director da montaxe, Carlos Santiago, explicou que na súa visión do clásico de Oscar Wilde, prescíndese do orientalismo, buscando unha concepción máis actualizada, e salientou como novidade desta proposta, a búsqueda dun referente escénico máis actual e próxima á realidade, sobretodo á realidade galega. O director da montaxe tamén destacou o gran traballo actoral dunha obra que orixinalmente tiña 18 personaxes e que foi adaptada para 6.

Un dos actores da montaxe, o lucense Alberte Cabarcos, que na obra interpreta ao Graffiteiro, o Paxe e Tixelino, destacou que “para min é unha gran ilusión poder actuar na miña cidade, facelo co Centro Dramático Galego e ademais nunha mostra coa que crecín e aprendín moito de teatro”.

Completan o elenco de “Salomé” María Mera como Salomé, Pepe Penabade como Herodes, María Salgueiro como Herodías e Soldado, Hugo Torres como Iokanaán, Nazareno e Camareiro, e Marcos Correa como Mozo sirio, Xudeo e Camareiro.

Anacronismo premeditado

A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio bíblico recreado por Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación en galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco do xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun único acto

A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Anipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sento por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán, e desencadea unha sanguenta traxedia.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova