Imprimir

O ALCALDE PARTICIPOU NA INAUGURACIÓN DO CONGRESO DE TURISMO "DESTINO LUGO" QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN


9/2/2011

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou xunto coa Vicepresidenta Terceira da Deputación, María Xosé Vega Buján, na inauguración do 1º Congreso de Turismo “Destino Lugo”.

A Deputación anunciou que vai elaborar este ano unha guía que aglutinará as experiencias turísticas da provincia. Trátase da primeira iniciativa que se realiza en Lugo destas características e inclúese dentro do Plan Director de Turismo 2008-2011 impulsado pola Deputación para crear un sector coordinado e profesional, partindo da formación, sensibilización e unidade da sociedade, ó tempo que se lles ofrece servizos de calidade ós Concellos que lles permitan mellorar a súa oferta turística, tanto na concepción estratéxica do mesmo como no deseño de políticas de promoción e comercialización.

No Congreso, que se celebra dende hoxe no Salón de Actos da Deputación, participan prestixiosos representantes deste sector a nivel europeo están a analizar a situación pola que atravesa o turismo lugués. O aforo do Salón de Actos quedouse pequeno para acoller ás máis de 150 persoas que participaron no encontro, entre as que atoparon representantes do sector turístico público e privado de Lugo, ademais de Alcaldes e Concelleiros, representantes do sector da hostalería, casas de turismo rural, oficinas de turismo, restauración, fundacións comarcais ou empresas especializadas nesta materia.

A guía ofrecerá unha visión da provincia no seu conxunto, xa que incluirá os recursos patrimoniais, arquitectónicos, naturais e culturais de Lugo, ademais doutros puntos de interese como os clubs náuticos, centros de hostalería e casas de turismo rural.

Esta iniciativa engádese a outras desenvolvidas pola Deputación ó longo do ano, e que se enmarcan no ecoturismo. É o caso do Galaico Expreso, o tren que o organismo provincial ofreceu como alternativa ós catamaráns ante o baleiro do Sil que levou a cabo Iberdrola, e co que logrou pasar dos 1.500 visitantes á Ribeira Sacra durante 2009, ós 20.000 deste ano; o Barco Muralla de Lugo, a aula turístico medioambiental que está a percorrer o país e coa que, só durante a súa estancia durante o San Froilán de Barcelona, 50.000 persoas coñeceron a riqueza de Lugo; o Lugo Terra, o bus que promocionou a provincia por toda a península; ou a certificación medioambiental de 21 areais lucenses que converteu á Mariña na 3º costa de España co maior número de praias de auténtica calidade, avaladas pola Unión Europea.

Colaboración da iniciativa público-privada
Lugo é a provincia galega que experimentou o maior incremento do número de viaxeiros durante 2010 cun 16,19% fronte ó 14,45% da Coruña, o 9,8% de Pontevedra e o 3,6% de Ourense. Ademais, a maior parte dos Consellos Reguladores de Denominación de Orixe están en Lugo. Tendo en conta estas cifras, no encontro púxose de relevo a necesidade de elaborar un mecanismo composto pola iniciativa público e privada para impulsar o turismo na provincia e incrementar o número de visitantes. A este respecto, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, subliñou que “Lugo é un proxecto de destino turístico, polo que é preciso un traballo común para ofrecer unha visión de provincia global na que apareza mar, montaña, a natureza pródiga do sur e a Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Estamos no bo camiño. Hoxe é un día grande para Lugo e a provincia. Todos temos que empuxar o barco na mesma dirección”.

Desenvolvemento do encontro
Na sesión de hoxe expuxéronse as distintas experiencias de países tan punteiros en promoción turística como Inglaterra ou Finlandia, a través das ponencias dos directores de Desenvolvemento Turístico de Gran Bretaña, James Turner, e do Director da empresa encargada da organización de vendas do suroeste de Finlandia, Anne Marget Niemi de Turku. A segunda parte, consistiu nun debate no que profesionais e administracións implicadas no sector analizaron as distintas alternativas de coordinación para a promoción da provincia como destino turístico. No foro participaron a Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján; os Presidentes do Padroado Provincial de Turismo e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Julio Álvarez e José María Real, respectivamente; a Presidenta da Asociación de Turismo Rural de Lugo Sur, Carmen Martínez; e o seu homólogo na Mariña, Manuel Vicente. O debate retransmitiuse en directo a través da páxina web de turismo da Deputación: www.lugoterra.com.

O encontro rematará o día 10 coa participación dos representantes deste sector de varias cidades españolas con ampla experiencia no tema como: Valladolid, Segovia, Palma de Mallorca e Barcelona.