Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Sete empresas optan ó concurso de proxectos para construír a Estación Intermodal de Lugo


# Martes, 15/02/2011
O Alcalde deu a coñecer hoxe as empresas seleccionadas que aspiran xunto con reputados arquitectos á construción desta decisiva infraestrutura que suporá un investimento de 771.000 euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
López Orozco salientou a importancia desta obra para a modernización de Lugo un proceso do que dixo que xa non ten marcha atrás

O Alcalde, José López Orozco, deu a coñecer este martes as sete empresas que optan á construción da Estación Intermodal de Lugo, unha obra da que dixo que “continúa o proceso de modernización da nosa cidade”.

O Alcalde explicou que ó concurso convocado por Fomento para a construción da Estación Intermodal, que suporá un investimento de 771.000 euros, presentáranse 72 empresas das que foron seleccionadas sete que deberán ter presentado os anteproxectos antes do día 25 de marzo.

López Orozco salientou que “logo da construción do novo Hospital, a nova Ponte, a pasarela peonil, as entradas da cidade ou a autovía Lugo-Santiago traballamos neste proxecto que é moi importante porque suporá a potenciación da comunicación de Lugo por ferrocarril”. O Alcalde sinalou que “é unha gran noticia para a cidade e demostra o cumprimento dos compromisos coa cidade”. Tamén indicou que “neste momento de incerteza económica proxectos coma este son fitos para o desenvolvemento de Lugo” e subliñou que se trata “dunha desas obras que indican o camiño de modernización e de cambio que está a dar a cidade” e asegurou que ese camiño “xa non ten marcha atrás”. López Orozco concluíu que “Lugo deu un cambio moi importante e é lóxico que esteamos namorados dela”.

Tamén explicou o Alcalde que as sete ofertas preseleccionadas foron presentadas por sete empresas moi importantes acompañadas por arquitectos con ampla experiencia no mundo da construción mesmo da construción de estacións intermodais, entre os que figuran o arquitecto galego César Portela, que foi o encargado de redactar o Plan Director do Parque Rosalía de Castro, e o equipo Nieto-Sobejano, autor do proxecto do Museo Interactivo da Historia.

As propostas

As empresas preseleccionadas no concurso de proxectos para a construción da Estación Intermodal son as seguintes:

UTE Acciona Ingeniería-Castellana 90 S.L. Acciona naceu en 1997 da fusión de Entrecanales e Tavora e Cubiertas e MZOV. Actualmente conta con presenza en todo o mundo. Trátase dunha empresa de enxeñería e entre os seus proxectos destacan a Ponte da Cartuja en Sevilla ou os Túneles de Pajares. Castellana 90 é un estudo de arquitectos dirixido por Rafael de la Hoz. Ten, entre outros, premios do Concello de Madrid en 1995, 1996, 1998 e 2003.

UTE Ayesa-Antonio Barrionuevo Arquitectos-Cesar Portela S.L.P-Julia Molina Arquitectura S.L.P. Ayesa é unha empresa sevillana que fixo os proxectos do Complexo ferroviario PLAZA en Zaragoza e a estación intermodal de Prat de Llobregat. O arquitecto Antonio Barrionuevo deseñou proxectos como as estacións de tren de Valencia-Parque Central, El Prat de Llobregat ou o novo Auditorio de Alcalá de Guadaira. Cesar portela, o arquitecto galego Premio Nacional de Arquitectura 1999 polo seu proxecto para a estación de autobuses de Córdoba, é autor do Museo do Mar de Vigo, a estación do AVE de Prat de Llobregat e redactou o Plan Director do Parque Rosalía de Castro de Lugo. A arquitecta sevillana Julia Molina é autora de rehabilitacións en concellos e edificios históricos.

UTE Eptisa Servicios de Ingeniería S.L-Junquera Arquitectos S.L.P.Calter Ingeniería S.L. EPTISA é unha empresa de enxeñería constituída en 1956 e levou a cabo os proxectos do Teatro-Pazo de Congresos de Lleida e o Centro Nacional de Investigación Cardiovascular Carlos III de Madrid. O estudo de arquitectura Junquera, que gañou catro concursos internacionais, é autor, entre outros da ampliación do Hipódromo da Zarzuela e a integración do ferrocarril en Xixón. Calter Ingeniería levou a cabo, entre outros proxectos, o do Gran Telescopio de Canarias e o Pazo de Congresos de Oviedo.

UTE Esteyco S.A.P.-Martínez Lapeña-Torres Arquitectos S.L.P. Eteyco SAP é unha empresa especializada en enxeñería ferroviaria que fixo o novo acceso de alta velocidade de Levante e a nova estación de alta velocidade de Sanabria. O estudo de arquitectura Martínez Lapeña-Torres deseñou a praza do Fórum de Barcelona e a biblioteca do Campus de Tarragona.

UTE Greccat SL-Mangado Asociados S.L. Greccat Enxeñería e Medio Ambiente é unha consultora de arquitectura, enxeñería e medio ambiente que se fixo cargo da modernización das estacións de FGC de Sant Gervasi e Praza Molina ou a remodelación da Via Laietana e a rúa Balmes. Mangado e Axociados é un estudo de arquitectura que deseñou o Estadio de Fútbol “Nueva Balastera” de Palencia.

UTE KV Consultores de Ingeniería, Proyectos y Obras S.L.-Carlos Rubio Carvajal-Enrique Alvarez Sala-Walther. KV Consultores é unha empresa de enxeñería, arquitectura e urbanismo que fixo o Intercambiador de transportes da Moncloa, en Madrid, e a nova estación de Alta Velocidade de Requena-Utiel (Valencia). O estudo de arquitectos Carlos Rubio Carvajal-Enrique Álvarez Sala-Walther deseñou a Torre SyV na antiga Cidade Deportiva do Real Madrid e a sede de Indra en Torrejón de Ardoz.

UTE Sener, Ingeniería y Sistemas S.A.-Nieto Sobejano Arquitectos, S.L.P. Sener é unha empresa especializada en enxeñería aeroespacial, enxeñería civil e arquitectura, enxeñería naval e enxeñería de enerxía e procesos que construíu o aparcadoiro do aeroporto de Valencia e o hangar de Palma de Mallorca. O estudo de arquitectura Nieto Sobejano fixo o museo e sede do Instituto Madinat Al-Zahra, de Andalucía, o Centro Nacional de Artes Visuais de Madrid e gañaron o concurso do proxecto de construción do Museo Interactivo da Historia de Lugo.

Os prazos

O xurado que seleccionará a proposta gañadora deste concurso convocado polo Ministerio de Fomento, tal como se comprometera no convenio para a construción da Estación Intermodal de Lugo, reunirase o día 28 de marzo. Del formarán parte representantes de todas as administracións que asinaron o convenio para construír a Estación Intermodal: Adif, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e o Concello.
A empresa gañadora disporá dun prazo de 27 meses para realizar o proxecto que, segundo a convocatoria do concurso terá un presuposto de 771.000 euros. Ese prazo de tempo distribúese do seguinte xeito: seis meses serán para a elaboración do proxecto básico, outros seis meses para o proxecto construtivo e quince para a supervisión artística.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova