Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo esíxelle á Xunta que rebaixe á metade o prezo de venda das parcelas do novo polígono industrial das Gándaras


# Xoves, 17/02/2011
López Orozco asegura que o prezo actual de venda non anima ás empresas a instalarse en Lugo nun momento no que o paro é o principal problema

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde cifra nun 75% os beneficios que obterá a Xunta pola venda de solo nas Gándaras

O novo polígono de Lugo é o quinto máis caro de Galicia, segundo datos da Consellería de Economía



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, esixiulle hoxe a Xunta que rebaixe “cando menos á metade” o prezo de venda das parcelas no novo polígono industrial das Gándaras para animar ás empresas a instalarse en Lugo e xerar emprego, que é o principal problema nestes momentos.

O prezo medio de venda das parcelas das Gándaras é de 107 euros por metro cadrado, o que representa un 75% máis do que pagou a Xunta pola compra dos terreos e a urbanización do polígono industrial. “Así é moi difícil que se veñan instalar empresas na nosa cidade”, dixo o Alcalde quen lle lembrou a Feijóo que “o principal problema de Galicia é o paro e só se pode solucionar coa instalación de empresas”.

Segundo datos da propia Xunta, concretamente da Consellería de Economía e Industria, o solo no novo polígono industrial de Lugo é o quinto máis caro de Galicia. En Ferrol, por exemplo, custa 65 euros o metro cadrado.

López Orozco lembrou que o Concello comprou ó Ministerio de Defensa 1.413.722 metros cadrados a 10 euros o metro cadrado e vendeullos ó mesmo prezo a Xestur para construír o polígono industrial. O investimento na urbanización do polígono foi de 36 millóns de euros, segundo datos facilitados polo voceiro do PP Jaime Castiñeira, o que representa un gasto de algo máis de 16 euros o metro cadrado. Deste xeito, dixo o Alcalde, a Xunta investiu 27 euros na compra e urbanización de cada metro cadrado e véndeo agora a un prezo medio de 107 euros.

“Non é de recibo que gañen aproximadamente un 75% sobre o prezo do custo, así é moi difícil que se veñan instalar empresas na nosa cidade” dixo o Alcalde e engadiu que “aínda que comprendemos que Xestur poida gañar algo, pedimos que se rebaixe o prezo cando menos á metade”.

López Orozco comparou o que está a suceder coas Gándaras co ocorrido co novo Hospital de Lugo. “Estame recordando moito o grande esforzo que fixo Lugo polo novo Hospital e que logo cobren polos aparcamentos”, dixo o Alcalde polo que remachou “queremos, desexamos e esiximos que, cando menos, se rebaixe á metade o prezo de venda das parcelas das Gándaras” e anunciou que “defenderemos no Parlamento galego o que lle corresponde a Lugo”.

López Orozco sinalou que nestes tempos “todas as administracións temos que nos apertar o cinto pero hai que facelo como o fai o Concello que, desde hai catro anos, non subiu o IBI e o imposto de circulación e desde aí dous anos mantén conxelados todos os impostos”.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova