Imprimir

RECEPCIÓN NO CONCELLO Ó EMBAIXADOR DE FINLANDIA EN ESPAÑA


17/2/2011

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu esta tarde ó Embaixador de Finlandia en España, Markku Keinänen, un acto ó que tamén asistiron representantes dos grupos políticos do Concello.

O Alcalde deulle a benvida á nosa cidade e desexou que esta visita “sexa só un principio” ademais de facer votos pola “construción dunha Europa da paz e o desenvolvemento”. Tamén convidou ó Embaixador a coñecer o contorno dos ríos Miño e Rato.

Markku Keinänen gabou a beleza de Lugo e anunciou que mañá aproveitará para correr pola Muralla. O Embaixador asinou no Libro de Honra onde escribiu o seguinte texto: “É para min un grande pracer visitar Lugo. Estou moi impresionado por esta bela cidade, por cuxo centro histórico sinto unha especial admiración. Quero expresar o meu agradecemento pola afectuosa acollida”.

O Alcalde agasallou ó diplomático finés cun exemplar do libro “A Muralla de Lugo” do que son autores Adolfo de Abel Vilela, Enrique Alcorta, Felipe Arias, Covadonga Carreño e José Ignacio López de Rego.

O Embaixador de Finlandia está en Lugo acompañado polo Director do Instituto Iberoamericano dese país, Martti Parssinen, e o artista Makku Salo, considerado o máximo expoñente contemporáneo do traballo en vidro de Europa, para asistir, esta tarde, á inauguración da exposición “Viento del Norte”, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.

Máis información sobre a mostra “Viento del Norte”