Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acolle unha exposición de obras do principal artista europeo en vidro


# Xoves, 17/02/2011
O Alcalde asistiu á inauguración da exposición de Markku Salo na Capela de Santa María, que organiza a Deputación

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda Lara Méndez, o Embaixador de Finlandia en España, Markku Keinanen, o Director do Instituto Iberoamericano de Finlandia, Martti Parssinen, e o artista finlandés considerado o máximo expoñente contemporáneo de vidro en Europa, Makku Salo, inauguraron este xoves a exposición que o artista presenta por primeira vez no norte de España: “Vientos de Norte”.

O Centro de Artesanía e Deseño logrou que Lugo se convertese nun dos poucos escenarios no país escolleitos polo artista para presentar as súas 20 últimas pezas e traballos referenciais. Logo de estar presente exclusivamente, no Museo da Real Fábrica de Cristal de la Granja en Segovia, e no Museo de Arte en Vidro de Madrid, “Vientos del Norte” chega á Capela de Santa María da capital lucense converténdose, dende hoxe e ata o 27 de marzo, no 3º e último espazo en España que teña o prestixio de acollela.

Deste xeito Lugo volve acoller unha nova mostra de carácter internacional, do que se congratularon tanto o Alcalde como o Presidente da Deputación. A Capela de Santa María xa acollera a última exposición impulsada dende o CENTRAD e que visitaron máis de 5.000 persoas: Leonardo da Dinvi y la Música, como destacou Gómez Besteiro quen dixo que “agora, este espazo ten o privilexio de acoller as obras dun artista que está presente nos museos máis prestixiosos do mundo, dende Nova York, Londres, a Estocolmo”.

Fama e renome
Este “escultor de vidro” de orixe finlandés iniciou os seus estudos na Universidade de Arte e Deseño de Helsinki. Recén licenciado en deseño industrial, en 1979 comezou a súa carreira profesional deseñando produtos electrónicos ata que, en 1983, foi contratado na factoría de vidro máis antiga de Finlandia: Nuutajarvi. Durante este período, Salo logrou combinar a fabricación de habituais pezas de vidro, coa labor artesanal, o deseño, e as novas tecnoloxías. Logo de recibir en 1989 o Premio Estatal de Deseño, sucedéronse os galardóns nacionais como o de Estado de Finlandia para Artes Aplicadas e Industriais, e os Internacionais como o Georg Jensen ó deseño nórdico. As súas obras están en museos de todo o mundo: Corning Museum of Glass de Nova York, Victoria and Albert Museum de Londres, ou no Museo Nacional de Estocolmo. Ademais, tamén forma parte de emblemáticas firmas como Hcakman, Iittala ou Aarikka. Actualmente, aínda que é coñecido sobre todo pola súa faceta artística, ten a súa propia gama de fabricación de produtos baixo a marca Markku Salo, e a súa propia compañía industrial: Muotohuone Oy.

Composición
“Vientos del Norte” está composta polas últimas 20 creacións do artista, así como das de máis renome. É o caso da “Amazona 1991”, unha obra en forma de vestido, de 2,5 metro de alto, composta de vidro fundido en molde e soprada ó aire sobre armazón metálico. Todas as pezas son diferentes xa que Markku Salo non quixo caer en ningunha técnica específica senón que as emprega libremente como medio de expresión. Deste xeito, xoga coas texturas de superficies, calidades, cor, transparencias e as formas do vidro que combina con outros materiais como madeira, metal, pedra, ou o plástico. O horario de visitas é o seguinte: de luns a venres, de 10:30 ás 14:00 horas, e de 17:00 ás 20:00 horas; os sábado, de 17:00 ás 20:00 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 ás 14:00 horas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova