Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Empeza a instalación do sistema SAE que informará en tempo real da chegada dos buses


# Venres, 18/02/2011
O Alcalde anuncia que haberá pantallas informativas en vinte paradas e que funcionarán a finais do mes que vén

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

López Orozco destaca a mellora no servizo de transporte público que aumentou en 40.500 a cifra de usuarios


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, visitou hoxe unha das paradas do bus na que xa se instalou o sistema SAE que, cando entre en funcionamento, a finais do mes de marzo, permitiralles ós usuarios coñecer exactamente o tempo que falta para a chegada dos buses.

López Orozco manifestou que a implantación do SAE “é un compromiso que temos para a modernización dos buses urbanos”. Unha aposta que xa está tendo resultados porque este ano aumentou en máis de 40.000 o número de usuarios do transporte público de Lugo, segundo destacou o Alcalde que aproveitou para “animar ós lucenses a que usen o bus, que é un servizo máis barato e mellor para o medioambiente”.

O Alcalde, acompañado polos Concelleiros de Transportes, José Rábade; Economía, Sonia Méndez, e de Infraestruturas, José Piñeiro, visitou esta mañá a parada da Ronda da Muralla número 25, na que xa está instalada a pantalla informativa.

As pantallas informativas do sistema SAE vanse poñer en 20 paradas do bus e o proxecto supón un investimento que supera os 376.000 euros, financiados con fondos do Plan Urban, cofinanciado pola Unión Europea a través do FEDER, e do Plan E. Grazas a este sistema os viaxeiros terán información en tempo real da hora de chegada dos autobuses ás paradas situadas no centro histórico da cidade e naquelas que teñen maior número de usuarios.

O SAE (Sistema de Axuda á Explotación) é un sistema tecnolóxico que constará dun centro de control na Empresa dos autobuses e un centro de recepción de información na Concellería de Transportes. Nos buses urbanos haberá un ordenador conectado a través de antena GPRS co posto de control da Compañía de transportes para comunicarlle a súa posición e tamén estarán dotados dun panel interior de información os viaxeiros. Ademais de facilitar información do tempo de espera, as liñas, paradas e destinos nas pantallas situadas nas paradas do bus, tamén permitirá consultar a información na internet ou recibila a través de mensaxes sms.

A parada da Ronda da Muralla número 25, na que xa está instalada a pantalla informativa e que visitou hoxe o Alcalde tivo o ano pasado 45.561 viaxeiros.

O resto das paradas nas que se vai instalar o SAE son as situadas na Ronda da Muralla números 58 (á altura de Sindicatos), 96, 118, 140 (á altura do Fogar de Santa María) e 163-164, así como na praza de Ángel López Pérez (diante da Policía Local), avenida da Coruña, números 2 e 131; Montero Ríos nº 2-4, avenida de Carballo Calero (en Veterinaria), Ronda das Fontiñas nº 119, avenida Alfonxo X o Sabio, Carlos Azcárraga nº 1, Calzada das Gándaras (fronte á Residencia de anciáns), rúa da Industria (no Polígono industrial do Ceao), avenida da Infanta Elena (no Centro Comercial As Termas), Alexandre Bóveda nº 16, Camiño Real nº 117 e Lamas de Prado nº 118.

Buses ó Hospital

Nese traballo pola mellora do transporte público de Lugo tamén enmarcou o Alcalde o “gran esforzo que leva feito o Concello para darlle servizo ó novo Hospital que está comunicado coa cidade con 50 servizos diarios, incluídos os especiais que funcionan nos cambios de turno dos traballadores”.

López Orozco lembrou que o Concello fixo un investimento de máis de 400.000 euros para dotar de autobuses urbanos ó Hospital e manifestou que “melloraremos todo o servizo todo o que sexa posible” pero recordou que o Concello “non ten a obriga de crear un transporte á carta para os traballadores”.O Alcalde sinalou que “non se debe confundir un transporte público co transporte ó centro de traballo” e dixo que “se se quere un transporte á carta para o persoal deben chamar á porta do Sergas”. Ó respecto indicou que “estou convencido de que os traballadores da SEAT de Barcelona dispoñen dun transporte que lles puxo a empresa e tamén en Lugo, cando se creou a Universidade, o Concello recibía unha subvención da institución académica para darlle servizo de buses ós alumnos que se desprazaban alí e foi así ata que a Acea de Olga se encheu de casas e de veciños”.

Os 50 servizos diarios ó HULA dispoñen dun total de 5.100 prazas, 1.500 sentadas de 3.500 de pé nas viaxes de ida e outras tantas nas de regreso.

Máis usuarios do bus

A cifra de viaxeiros dos buses urbanos medrou en 40.587 respecto ó mesmo período do ano pasado. No mes de xaneiro houbo 165.210 usuarios, 15.412 máis que no mesmo mes de 2010, e ata o día 17 de febreiro foron 118.362, 25.175 máis que no mesmo período do ano anterior.

O transporte público de Lugo consta de 19 liñas e a flota está formada por 21 autobuses e un microbús.

www.lugo.es/ws/transportes

Actuación incluída no Proxecto URBAN que está a desenvolver o Concello de Lugo, que conta co 70% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova