Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde ofrécelle colaboración á Xunta para que cumpra a súa palabra e poña ó servizo de artesáns e deseñadores os locais rehabilitados da Tinería


# Luns, 21/02/2011
López Orozco fixo este ofrecemento na presentación das primeiras bolsas de artesanía e deseño, dotadas con 12.000 euros cada unha.

Imaxe Asociada

O Presidente da Deputación e o Alcalde de Lugo presentaron as cinco bolsas, que suman un total de 60.000 euros e poden solicitarse dende este mércores ata o día 1 de marzo

Froito das actividades conxuntas que uniron no 2010 os Aniversarios da Muralla e do Centro de Artesanía e Deseño, Deputación e Concello de Lugo comezaron a traballar nun novidoso programa de bolsas co obxectivo de potenciar o emprego no sector do deseño e a artesanía. Para aproveitar o potencial de Escolas de Arte como a Ramón Falcón e a longa tradición artesanal da provincia, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este luns o primeiro programa de bolsas dirixidas a estudantes, recén titulados e profesionais vinculados á artesanía e deseño da provincia. Cada unha das cinco categorías estará dotada con 12.000 euros e terá unha duración dun ano.

A iniciativa finánciase a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) como medida de apoio e estímulo para conservar e potenciar o deseño e a artesanía, un sector económico moitas veces esquecido polas administracións. O Alcalde salientou que esta iniciativa impulsa “un nicho de emprego e un sector importante para o futuro económico de Lugo”. Neste senso, lembroulle á Xunta o seu compromiso para pór a disposición dos veciños os locais rehabilitados na zona da Tinería, e ofreceu “a colaboración económica do Concello mediante o Plan Urban para que o Goberno galego poña ó servizos dos artesáns e deseñadores lucenses” este espazos. Isto redundaría, “na posta en valor do sector artesanal e desta zona da capital. A austeridade non nos pode levar á pobreza, senón a potenciar medias coma estas bolsas ou os locais da Tinería”.

O Presidente da Deputación manifestou que “ducias de lugueses marchan a Cataluña ou Madrid na busca de futuro neste sector, onde ademais existen bolsas que lles permiten iniciarse na súa profesión”. “De todos é coñecido o papel da Deputación de Lugo no apoio ó sector da artesanía desde que inaugurou o CENTRAD o 10 de maio de 1995. Hoxe somos capaces de presentar un novo e ilusionante proxecto e executalo de inmediato: tan áxil que o prazo para solicitar as axudas comeza este mércores e rematará o día 1 de marzo”.

O programa contempla cinco becas, que suman 60.000 euros, destinadas a:
1. Aumentar as vendas dos artesáns lugueses. A base de datos co catálogo de artesáns da Consellería de Industria non está actualizada. É imprescindible facer un estudo de campo para actualizar o rexistro de artesáns así como dos produtos que poden ofrecer ó consumidor, requisitos imprescindibles para aumentar as vendas. Os bolseiros poden ser investigadores, historiadores, documentalistas, artesáns...

2. Axudar ás familias cos custes de formación. A formación en Artes non é habitual nos programas educativos, excepto nalgún caso de cerámica. Isto esixe un enorme esforzo económico ás familias cando un dos seus fillos necesita continuar cos seus estudios ou especializarse, xa que o máis habitual é ter que facelo fóra de Galicia.

3. Facer rendible o traballo en equipo de deseñadores de moda ou complementos e artesáns. Esta unión ten na actualidade excelentes resultados que Deputación e Concello queren ampliar en Lugo. A fusión é unha nova vía de negocio que ten moitas posibilidades como nicho de emprego.

4. Innovar os produtos artesanais. Moitos artesáns lugueses traballan dun modo tradicional e descoñecen como aproveitar as tecnoloxías. Mellorar os procedementos de traballo, desde a creación do produto ata a posta a venda, é o obxectivo desta bolsa aberta tamén a perfís como deseñadores industriais, artesáns, investigadores, informáticos, etc.

5. Potenciar a fábrica de Sargadelos. A Deputación amosou de moitas formas o seu apoio incondicional á fábrica de Sargadelos, en Cervo, unha firma de deseño e creación de porcelana con máis de dous séculos de historia vencellados á cultura galega en tódolos eidos da creatividade. A fábrica recibiu con gran interese esta nova oferta da institución provincial para que deseñadores ou artesáns podan ter no centro unha bolsa de estudos no sector da cerámica.

As condicións requeridas para beneficiarse das axudas son: estar empadronado na provincia ou ter nacido en Lugo; ser maior de idade; ter experiencia ou estudos valorables no sector; ser un profesional que desempeñe a súa actividade en relación con algún aspecto que poida incidir directa ou indirectamente no desenvolvemento dalgunha das especialidades artesanais ou de deseño recoñecidas oficialmente en Galicia; ou posuír a Carta de Artesán, de ser o caso. A concesión das bolsas ten retorno económico para a Deputación xa que o CENTRAD aproveitará o coñecemento dos bolseiros unha vez que estén formados.

As becas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e os interesados deben completar o correspondente impreso –que pode descargarse na web www.centrad.org- e entregalo entre este mércores e o día 1 de marzo no Rexistro Xeral do INLUDES (con enderezo Rúa da Muralla, 140) ou por calquera dos medios previstos na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. As bases reguladoras do programa de axudas poderá consultarse este martes no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na páxina web do CENTRAD.

Criterios para a selección
Unha vez que se avalíen as peticións recibidas, publicaranse os listados provisionais de admitidos e establecerase un prazo para alegacións. Unha Comisión de Valoración propoñerá una listaxe de beneficiarios. Seguidamente, abrirase un proceso de selección en función dos seguintes criterios: o nivel curricular, que poderá puntuar ata 40 puntos sobre 100; o proxecto de actuación para o que se solicita a subvención, que puntuará ata 30 puntos, e unha entrevista persoal, cun máximo de 30 puntos. O prazo para a resolución definitiva rematará, como máximo, o 1 de maio. Os resultados definitivos expoñeranse sempre no taboleiro de anuncios do INLUDES e na web www.deputacionlugo.org


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova