Imprimir

OS XARDÍNS DA DEPUTACIÓN ÁBRENSE Ó PÚBLICO E PASAN A FORMAR PARTE DO PASEO INTERIOR DA MURALLA COA DEMOLICIÓN DO MURO DA RÚA DO TEATRO


23/2/2011 O Alcalde e o Presidente da Deputación asistiron ós traballos para derrubar o muro e salientaron que con esta actuación faise realidade un vello soño

López Orozco agradece a colaboración de veciños e institucións como a Deputación para ampliar o paseo interior

Para Besteiro trátase do cumprimento dun compromiso político e a demostración de que se poden facer grandes obras en tempos de austeridade




O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón
Gómez Besteiro, supervisaron hoxe os traballos de demolición do muro que permite incorporar os xardíns de San Marcos ó paseo interior da Muralla. No acto estiveron presentes tamén os Concelleiros de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e Infraestruturas, José Piñeiro, así como representantes do INSS e do Sergas e veciños da comunidade de propietarios da rúa do Teatro cos que se chegou a un convenio para facilitar a demolición deste muro que impedía o acceso ós xardíns situados na parte traseira do Pazo de San Marcos.

O Alcalde agradeceu a implicación veciñal e das institucións cos que se chegou a acordos que permiten a ampliación do paseo interior da Muralla “un vello soño que se vai convertendo en realidade”, segundo dixo o Alcalde, para quen “hoxe Lugo gañou e tamén gañaron os veciños”.

López Orozco agradeceu especialmente o apoio ó proxecto da Deputación provincial “que colabora co Plan Urban e permite que Lugo gañe un novo paseo e un xardín para o desfrute dos veciños”. Tamén salientou o papel do INSS, que tamén cedeu terreos para a ampliación deste treito do paseo interior da Muralla, cuxa lonxitude é duns 250 metros.

O Alcalde sinalou que o paseo interior da Muralla vai ter este ano máis dun quilómetro de lonxitude e destacou que nos presupostos adícanse a darlle continuidade 600.000 euros, procedentes do Plan Urban “que tanto leva beneficiado ó centro da cidade”.

O Presidente da Deputación destacou que con esta actuación cúmprense varios obxectivos. “En primeiro lugar é o cumprimento dun obxectivo político, prometemos que íamos facer públicos os xardíns da Deputación e hoxe cumprímolo”, dixo José Ramón
Gómez Besteiro. Tamén indicou que “estamos facendo unha grande obra financiada pola Unión Europea, o que demostra que somos capaces de facer obras importantes mesmo en momentos de austeridade coma este, porque sabemos buscar os recursos necesarios”.

“Pódense facer cousas, facelas ben e aforrar”, dixo Besteiro e como exemplo anunciou un proxecto para mellorar o alumeado público do Pazo de San Marcos. O proxecto consiste na substitución das bombillas tradicionais de vapor de mercurio das oito farolas situadas na fachada do Pazo de San Marcos por 57 leeds “que duran vintecinco veces máis, con elas melloraremos a iluminación e a estética da zona ó tempo que aforramos máis de 800 euros ó ano no consumo”.

Ademais Besteiro destacou outro proxecto que vai levar a cabo a Deputación que suporá converter a praza de San Marcos na primeira praza wifi da cidade: “San Marcos será unha praza wifi e encherase de xente nova que lle vai dar vida”.

O Presidente da institución provincial tamén lembrou que a idea do paseo interior da Muralla foi do Alcalde “e nesa idea está hoxe todo Lugo, como sucede cos grandes proxectos”, en opinión de Besteiro para quen “foi un soño e hoxe estámolo cumprindo e é bo cumprir o que se promete”.

Como resultado de acordos acadados coa Deputación e a comunidade de propietarios da rúa do Teatro derrúbanse dous muros e ábrese a parcela e os xardíns situados na parte traseira do Pazo de San Marcos para acadar uns 250 metros transitables do paseo interior da Muralla. Hoxe remata a demolición dun deses muros e, logo do acondicionamento da zona, esta quedará dispoñible como área de paseo ó pé da Muralla.

Esta actuación inscríbese no proxecto de peonalización da rúa San Marcos, que tamén abrangue as intervencións nos laterais da Deputación e nos xardíns situados na parte traseira do Pazo de San Marcos. Este proxecto está financiado polo Plan Urban, con aportacións económicas da Unión Europea, a Deputación e o Concello. As obras comezaron en novembro de 2010 e estarán rematadas en abril.

Actuación incluída no Proxecto URBAN que está a desenvolver o Concello de Lugo, que conta co 70% de cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

lugo.es/urban