Este domingo, día 27 de febreiro, celébrase unha nova edición da Feira do Entroido de Nadela 2011
# Venres, 25/02/2011
O Concello establece un servizo gratuíto de autobuses dende ás 9.00 ata ás 15.00 horas diante do Instituto Feminino na Avenida Ramón Ferreiro
A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e Ángel López, tesoureiro da Asociación Carballeira de Nadela, presentaron esta mañá o programa da Feira do Entroido de Nadela 2011, que se desenvolverá o domingo 27 de febreiro.
A feira dará comezo ás 9.00 horas coa asignación de postos e venda dos produtos. Segundo anunciou o tesoureiro da Asociación Carballeira de Nadela, agárdase que participen arredor de 120 ou 130 postos. Ás 12.00 farase entrega dun obsequio aos vendedores asistentes a feira.
O Alcalde será o encargado de inaugurar oficialmente a Feira do Entroido de Nadela 2011, será ás 13.00 horas. A lectura do pregón correrá este ano a cargo de Jesús Vázquez Varela, presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo. Ás 13.30 horas haberá convite a un viño galego con tapa de produtos típicos do Entroido. O longo da mañá amenizará a feira pasarrúas e un concerto a cargo do Grupo Rexionais e Charangas. A sesión vermú contará coa presenza da Orquestra Poceiro, que tamén será a encargada de amenizar a festa organizada a partir das 21.00 horas.
A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, animou a todos os lucenses a visitar esta primeira cita co entroido, e lembrou que como en anteriores ocasións, o Concello poñerá a disposición de todos os interesados en asistir un servizo gratuíto de autobuses con saída dende ás 9.00 e ata ás15.00 horas, dende a Avenida Ramón Ferreiro, diante do I.E.S A Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Compartir: