Imprimir

O ALCALDE PIDE Á XUNTA QUE DEA UN NOVO USO PARA O ANTIGO HOSPITAL XERAL


26/2/2011 López Orozco transmitiulle ó Presidente da Xunta a inquedanza dos veciños do barrio da Residencia

O Alcalde participou na inauguración do Hospital Universitario Lucus Augusti


O Alcalde, José López Orozco, pediulle á Xunta que atenda as necesidades de Lugo e máis en concreto do barrio da Residencia dándolle un novo uso ó vello Hospital.

O Alcalde participou hoxe na inauguración do Hospital Universitario Lucus Augusti, que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ó que tamén asistiron as Concelleiras de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e de Cultura, Nuria Mundiña.

Durante a súa intervención no acto, o Alcalde explicoulle ó Presidente da Xunta “a inquietude existente no barrio que naceu e se desenvolveu en torno ó vello Hospital” e expresoulle a necesidade de “quitarlles esa inquietude para que saiban que poden ter oportunidades para os seus negocios e empresas”. Esta semana o Concello xunto con veciños, comerciantes e empresarios da zona acordaron constituír unha Comisión para reclamarlle á Xunta que lle dea uso ó antigo Hospital para evitar que o barrio esmoreza.

No seu discurso, o Alcalde congratulouse da posta en marcha do novo Hospital, tan necesario para Lugo e explicou a grande contribución feita polo Concello e por todos os lucenses. “Desde o Concello facilitamos gratuitamente unha magnífica parcela para que se edificase aquí este Hospital, ademais contribuímos coa construción dos viais perimetrais e coa dotación de todos os sevizos por, lembrou o Alcalde.

Tamén destacou López Orozco “a nosa leal colaboración” para que esta nova infraestrutura sanitaria fora posible e dixo que se logrou co “traballo en común, dos esforzos feitos polos distintos Gobernos galegos presididos por Fraga, Touriño e Feijóo, e froito dun traballo das institucións que seguro redundará no beneficio dos lucenses”.

López Orozco salientou ademais a necesidade que se completen os servizos que presta o novo Hospital coa posta en funcionamento das unidades de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear para que “os lucenses non teñan que trasladarse a outros hospitais para recibir asistencia” e tamén pediu que o Hospital de Lugo sexa Universitario.

O Presidente da Xunta anunciou que neste trimestre se van licitar os equipamentos para os servizos de Medicina Nuclear, Hemodinámica e Radioterapia. Destacou que o novo Hospital de Lugo dispón de 160.000 metros cadrados de superficie, ten 869 camas e 19 quirófanos e supuxo un investimento de case 300 millóns de euros