Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Deputación presentan o Plan Director do Miño


# Mércores, 02/03/2011
Trátase dunha folla de ruta para a posta en valor e conservación do contorno natural do Miño e do Rato

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde e o Presidente da Deputación explicaron as diversas actuacións previstas polas dúas administracións ás que está previsto que se sume a Confederación Hidrográfica do Miño Sil

O Plan inclúe medidas para disfrutar do río como zona de baño ou rutas de sendeirismo



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron hoxe o Plan Director do río Miño que ten o obxectivo de por en valor e conservar as ribeiras dos ríos Miño e Rato.

O Alcalde explicou que o Plan Director “é froito dun traballo en común da Deputación e o Concello ó que sabemos que se vai sumar o Goberno a través da Confederación Hidrográfica do Miño Sil”.

Con este Plan Director, segundo dixo o Alcalde, trátase de cumprir a obriga de “dar a coñecer e conservar este entorno natural que temos, que é unha dos grandes atractivos que ten Lugo xunto coa Muralla Patrimonio Mundial”. “Outras cidades presumen dos seus paseos marítimos e nós temos o río que nos une con outras cidades e vilas desde o seu nacemento ata a desembocadura”, dixo o Alcalde.

Para López Orozco hoxe “é un día importante para a cidade porque este proxecto bota a andar” e anunciou que nas diversas actuacións previstas “imos ser moi coidadosos co entorno”.

Pola súa parte, o Presidente Provincial indicou que “se o ano pasado foi o ano da Muralla, agora temos a vontade política de traballar para dar a coñecer o Miño” e dixo que “primeiro fomos capaces de poñer en valor o anel romano que supón a Muralla, de impulsar o proxecto Urban, a festa do Arde Lucus e agora traballamos para facelo co anel verde que supón o río”.

Destacou tamén o Presidente da Deputación que “neste obxectivo hai o acordo do Concello, a Deputación e o Goberno”. Así mesmo Gómez Besteiro sinalou que “se A Coruña ten 13 quilómetros de paseo marítimo o Miño ten 20 quilómetros de río”.

A primeira fase do Plan suporá un investimento de preto de 1 millón de euros por parte da Deputación para poñer en valor as ribeiras dos ríos Miño e Rato.

Na presentación ós medios de comunicación, que tivo lugar esta mañá no Museo das Terras do Miño, proxectouse un vídeo que fai un percorrido pola beiras dos ríos Miño e Rato e no que se pormenorizan as actuacións recollidas neste Plan Director que explicaron o Alcalde e o Presidente da Deputación.

O Alcalde e o Presidente da Deputación tamén lle presentarán o Plan Director do Miño á sociedade lucense, esta tarde, ás 20.00 horas nos Robles, nun acto ó que foron convidadas asociacións cidadáns, empresariais e representantes de organismos e institucións da cidade.

NO RÍO MIÑO PÓDESE….

Facer Sendeirismo
Ruta desde Outeiro de Rei
Vanse recuperar 32,5 quilómetros correspondentes ás 3 rutas de sendeirismo existentes na cidade. Este mesmo mes comezarán os traballos de sinalización, acondicionamento e desbroce que permitirán recuperar a totalidade da ruta de Piago a Ombreiro de 14,4 quilómetros cun investimento de 15.133 euros.

Acondicionamento da ruta de sendeirismo cara o Corgo.
Outra ruta que se comezará a acondicionar e sinalizar este mes a Deputación é a que vai dende Lugo á Fervenza de 15 quilómetros. O investimento será de 7.897 euros.

Pescar na Illa Seivane
Os pescadores dispoñen nesta xoia medioambiental dun refuxio.
 
Pescar sen barreiras
Zona de pesca para persoas con discapacidade.
Enfronte da antiga potabilizadora habilitouse unha rampa na marxe esquerda para que poidan practicar a pesca as persoas con discapacidade. Agora estase a instalar outra rampa na marxe dereita.

Descubrir
Museo da Auga e Escola de Pesca.
A idea do Concello é facer nas instalacións da antiga potabilizadora un museo dos usos da auga no que se amosarán pezas antigas como bombas de auga de principios do século pasado. Tamén se proxecta facer unha escola de pesca na antiga potabilizadora cun presuposto de 120.000 euros.
 
Disfrutar dos seus servizos
Nova Estación Potabilizadora de Augas e nova Estación Depuradora de Augas.
Dúas actuacións fundamentais para manter a calidade da auga. A Potabilizadora xa está en servizo e costou 34 millóns de euros. A Depuradora está en probas e tivo un investimento de 42 millóns de euros
Ponte nova sobre o río Miño. 
En poucos meses, o día 24 de xuño, Lugo vai ver satisfeita, por fin, unha das súas maiores demandas. As dúas beiras do Miño estarán mellor comunicadas grazas a este investimento de 27 millóns de euros que fixo o Ministerio de Fomento.
Recinto Feiral.
Escenario de reunións e exposicións de todo tipo.

Facer piragüismo
Escola de Piragüismo.
No último semestre do 2010, a través da área de Deportes, a Deputación investiu 180.000 euros na remodelación integral da Escola de Piragüismo, xa que estaba en moi malas condicións a pesar de ser un dos deportes coa canteira máis notable.

Navegar e disfrutar
Área recreativa dos Robles
Propiedade da Deputación, ten unha superficie de 20.000 metros cadrados, das que 16.000 son zona verde e as restantes comprenden un restaurante e piscinas. Esta Deputación recuperou o uso do catamarán no Miño, tradicionalmente infrautilizado en favor da Ribeira Sacra. A través da área de Turismo, reparouse e retomouse a navegación no verán de 2008. Polo momento, o catamarán só navega as fins de semana pero a partir de xuño e ata o 31 de setembro, funcionará todos os días, facendo 5 viaxes diarias.
Co novo servizo, a Deputación deu traballo a unha tripulación composta por 3 persoas. Dende a súa posta en marcha, 20.276 persoas xa redescubriron o río Miño.

Nadar
Zona de baño fluvial
Para sacarlle aínda máis proveito ó río, habilitarase unha área de baño fluvial, para que os lucenses poidamos calmar a calor do verán disfrutando tamén dentro da auga. O investimento aproxímase ós 500.000 euras e vaise presentar esta mesma semana.

Aprender
Museo fábrica da Luz. 
Esta actuación está enmarcada dentro do proxecto de rehabilitación da Fábrica da luz para produción de enerxía eléctrica. Neste momento estase a facer o procedemento de Avaliación do Impacto Ambiental. O presuposto do museo, que se executará cando empecen as obras de instalación das turbinas, é de 400.000 euros.

Camiñar
Nova pasarela de peóns.
Hai só unhas semanas que disfrutamos da pasarela peonil. Mellorou a comunicación cos veciños de San Lázaro e A Ponte. Tamén nos dá outro punto de vista do río. A nova pasarela peonil, que se completou coa rede de sendeiros polas marxes dos ríos Fervedoira, Miño e Rato, tivo un investimento de 4,76 millóns.
 
Xogar co teu can
Nova zona canil Recinto Feiral.
Na zona lindeira coas casas da Calzada da Ponte, entre o regato que baixa do Carme e desemboca no Miño e as traseiras da Calzada da Ponte, proxectamos habilitar un espazo para os cans, de grandes dimensións para que teñan un lugar seguro no que xogar sen causar molestias.

Xogar
Nova zona de xogos infantís Recinto Feiral.
Vaise facer unha área de xogos para nenos á altura do Recinto Feiral onde se instalará un parque infantil cuberto de 21 metros de longo por 14 de ancho.

Facer o Camiño
A ponte romana
Está en proxecto a súa rehabilitación. O Concello xa traballa no proxecto e ten o compromiso do Ministro de Fomento que financiará a rehabilitación a través dos fondos do 1% cultural.

Relaxarte
Mirador da Volta da Viña.
Unha actuación que nos permite gozar de novas perspectivas do río. A pasarela comunica o Xardín da Volta da Viña co Parque Marcos Cela.

Facer termalismo
A posibilidade de coidar o corpo nas proximidades do río é outro dos atractivos da nosa cidade.

Sorrir
Lugoteando
O ano pasado redescubrimos o río Miño con actividades lúdico-medioambientais a prezos asequibles denominadas “Lugoteando”. Incluíu actividades como as bolas inchables ou o ski acuático. Despois do éxito do ano pasado, estas actividades repetiranse este verán.

Sentir
Completar o Paseo do Miño
Calquera veciño que camiñe polo paseo do Miño atopará unha zona no entronque coa Tolda, enfronte a Arias Nadela, sen completar. Completar o paseo, eliminado o actual obstáculo que non anima a continuar, é un dos nosos obxectivos máis inmediatos. A Deputación acordará ou expropiará, neste primeiro semestre do ano, preto de 4 hectáreas para completar e rematar o Parque do Miño.

Descubrir a Natureza e aforrar
Complexo multidisciplinar do Hotel Miño.
O Hotel Miño, unha das compras máis ruinosas da anterior Deputación, pasa á historia. Comezouse a executar un plan integral que remodelará todas as instalacións. É máis, traballando e sen facer ruído, xa foi rehabilitado o edificio número 2 polos 10 traballadores do Servizo de Mantemento que se instalarán nestas dependencias, así como o Arquivo Provincial, no que traballarán 14 persoas grazas ó Lugo Emprega.
Aproveitando un entorno privilexiado e despois de que a Xunta de Galicia non aceptase o ofrecemento para transformalo na Escola de hostalería, tal e como demandaba a Asociación Provincial de Turismo, converterase o antigo Hotel nun complexo multidisciplinar vinculado ás Reservas da Biosfera e ó aforro de enerxía. O complexo acollerá os órganos das Reservas da Biosfera, cuxo regulamento se aprobou o pasado mes de xaneiro, e a Axencia Provincial da Enerxía, hoxe case sen espacio no INLUDES e no que xa están a traballar 4 persoas.
O Ministerio de Medio Ambiente achegará 250.000 euros para financialo, dous terzos do total, grazas a un novo programa de economía medioambiental que acaba de conseguir a Deputación. Para a rehabilitación do novo edificio, eco-eficiente, aplicaranse diversas medidas de aforro como placas solares fotovoltaicas.


NO RÍO RATO PÓDESE

Facer sendeirismo
A terceira ruta que acondicionará e sinalizará a Deputación co Plan Director do Río será a do Rato de 3,10 quilómetros e un orzamento de 6.018 euros. A Sociedade Española do Corazón deulle a declaración de primeira ruta cardiosaludable de España precisamente a este treito.

Ter unha horta ecolóxica
Seguiranse potenciando os hortos ecolóxicos. Hoxe a Deputación ofrece 250 hortos nos que están a traballar 300 persoas. Nestes momentos, hai unha superficie cultivada de 4.500 metros cadrados e lista de espera de 50 persoas

Pasear pola noite
Iluminación ecolóxica do Paseo
A Deputación instalará iluminación ecolóxica entre o río Miño e a área verde de Paxariños. Son aproximadamente 150.000 euros e suman un centenar de puntos de luz. Serían de baixo consumo e con mínimo impacto paisaxístico.

Observar as aves
Centro de Aves
Ocupa unha extensión de 2.000 metros cadrados e conta con 13 exemplares.

Facer Artesanía
Centro de Cestería
Situado nunha parcela de 1.360 metros cadrados e dependente do Centro de Artesanía e Deseño, forma anualmente a 250 persoas en técnicas artesanais.

Disfrutar do parque
Zona verde Paxariños
Forma parte da aposta do Concello polas zonas verdes, para respirar mellor e para gozar do contacto coa natureza. A zona verde de Paxariños está executada no 50% e a outra metade proxectada está pendente só da aprobación do PXOM.
 
Entrada á cidade
SUPLUSA xestiona 7 zonas verdes que están repartidas ó redor de toda a cidade. Ocupan unha extensión de 850.000 metros cadrados. Unha delas é a zona da desembocadura do río Fervedoira no río Miño, o parque periurbano do río Fervedoira, a zona da Chanca ata Frias e o parque de Paradai.



O Sagrado Corazón
Este barrio experimentou un cambio fundamental grazas á declaración como Área de Rehabilitación Integral que xestiona EVISLUSA. Un dos proxectos emblemáticos nos que traballa o Concello é a instalación de ascensores para mellorar a accesibilidade do barrio.
Tamén se dotou de zona de xogos.

 
Futura Estación Intermodal

É un dos principais retos de futuro que ten a cidade. Sete importantes empresas optan ó concurso de proxectos para construír a Estación Intermodal, que vai supor un investimento de 771.000 euros. O xurado que seleccionará a proposta gañadora deste concurso reunirase o día 28.

A Estación Intermodal fará de intercambiador do ferrocarril e o transporte en autobús. A ela chegará o AVE e modernizará definitivamente as comunicacións de Lugo co resto do mundo. Tamén será un elemento dinamizador do barrio da Estación.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova