Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Presidente da e Deputación presentaron en sociedade o Plan Director do Miño


# Mércores, 02/03/2011
O Alcalde dixo que o Miño é un sinal de identidade de Lugo do que deben disfrutar os lucenses

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Para o Presidente da Deputación o Plan Director é un proxecto ambicioso co que se demostra que se poden facer cousas mesmo en tempos de dificultades económicas


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron en sociedade o Plan Director do Miño, nun acto ó que asistiron medio milleiro de persoas, que tivo lugar esta tarde nos Robles.

Na súa intervención, o Alcalde destacou que o río Miño é un sinal de identidade de Lugo do que todos os lucenses deben disfrutar. Sinalou tamén que “é unha gran sorte vivir nunha cidade que ten a Muralla, a Catedral, as Termas e agora que estamos convencidos xa da importancia de ter unha Muralla que é Patrimonio Mundial é hora de poñer en valor o río” do que indicou que “aínda que todos lle damos importancia, en ocasións vivimos de costas a el”.

López Orozco sinalou que o Plan Director pretende revalorizar o río con actuacións que o van “humanizar pero non facer nada agresivo nese contorno”. Trátase, dixo, de “poñer ó servizo do ser humano o que a Natureza nos deu, sen agredilo”.

O Alcalde, que lle pediu á sociedade lucense a súa “complicidade” con este proxecto asegurou que o Presidente da Deputación “é a alma mater deste proxecto”.

Pola súa parte, Gómez Besteiro indicou que “logo do ano da Muralla, este ano o Alcalde tivo a gran idea de traballar polo segundo símbolo da cidade que tamén é símbolo da provincia”. O Presidente da Deputación dixo que “é responsabilidade de todos deixar unha cidade mellor da que herdamos” e explicou que o Plan director abrangue dende Outeiro de Rei ata o Corgo.

Destacou tamén o Presidente provincial que “os tempos das grandes inversións probablemente terminaron” pero, aínda así, “este é un proxecto ambicioso co que demostramos que se poden facer cousas a pesar dos tempos que vivimos exercendo unha austeridade enriquecedora”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova