Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As obras da praza de San Marcos permiten recuperar un tramo do acueducto romano


# Xoves, 03/03/2011
O Alcalde visitou esta mañá o achádego arqueolóxico que se está a limpar e documentar para a súa conservación

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, visitou esta mañá o lugar no que apareceron onte restos do acueducto romano de Lugo, que se atopou na praza de San Marcos, diante da Deputación provincial.

O Alcalde, que visitou o lugar acompañado polos Concelleiros de Economía, Sonia Méndez, e Infraestruturas, José Piñeiro, así como pola Delegada de Urbanismo, María Novo, amosou a súa “ledicia porque este descubrimento permítenos coñecer máis a historia da nosa cidade”.

O Alcalde tamén anunciou que “á espera dos informes técnicos sobre o achádego, a intención do Concello é que estes restos poidan quedar visibles, coas debidas condicións, porque imos ter a oportunidade de ver tanto a historia do acueducto dos romanos como a do acueducto do Bispo Izquierdo”.

De feito, un dos traballos que deben levar a cabo agora os arqueólogos, que traballan na limpeza e documentación dos restos, é determinar se o acueducto romano foi aproveitado, neste treito, polo Obispo Izquierdo para facer o acueducto que subministraba auga a Lugo no século XVIII.

O achádego quedou á vista grazas ás obras de peonalización de San Marcos, que tamén sacaron á luz parte da cimentación do antigo hospital de Isabel II que ocupou o lugar no que hoxe está a sede da Deputación provincial. Na zona tamén apareceron algúns restos de cerámica romana como sigillata e cerámica común.

O Alcalde explicou ademais que a aparición destes restos non vai supor un retraso nas obras de peonalización de San Marcos, que se executan a través do Plan Urban, cofinanciado nun 70% pola Unión Europea e que conta con achegas económicas do Concello e a Deputación.

A Xefa do servizo de Arqueoloxía do Concello, Covadonga Carreño, destacou a importancia deste achádego. Tamén explicou que dentro da Muralla está documentado o acueducto romano en varios puntos como a praza do Ferrol, o almacén de San Marcos, ou a praza de Santo Domingo, pero non se sabe aínda por onde entraba dentro da Muralla aínda que se considera posible que o deixaran soterrado.



www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova