Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde fai un chamamento á Xunta para loitar contra o despoboamento da Galicia interior


# Venres, 04/03/2011
López Orozco participou na inauguración da Xornada “Lugo Reacciona” organizada pola Deputación para facer propostas fronte ó despoboamento demográfico da provincia

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde, José López Orozco, pediulle ó Presidente da Xunta que “poña enriba da mesa” o problema de despoboamento de Galicia. López Orozco interviu no acto de apertura da Xornada “Lugo Reacciona. Debate con Propostas de futuro fronte ó despoboamento demográfico”, que organizou a Deputación provincial.

O Alcalde de Lugo interviu no acto inaugural canda o Presidente da Deputación, José Ramón Besteiro; o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e a Secretaria Xeral da Federación Española de Municipios e Provincias, a lucense Isaura Leal.

López Orozco manifestou que a perda de poboación é un dos problemas máis graves que ten neste momento Galicia, xunto co paro, e considerou que se trata dun fenómeno “estrutural que ten consecuencias dramáticas”. Por este motivo opinou que “merece a pena facer esta reflexión”.

Para o Alcalde de Lugo, “non é un consolo que o Concello de Lugo medre en poboación dende 1999 porque o fai a costa das vilas dorredor que diminúen os seus habitantes e polo envellecemento da poboación lucense xa que o 20% dos veciños do noso Concello teñen máis de 65 anos”.

Tamén sinalou López Orozco que grazas á Universidade, Lugo ten unha mocidade cada vez mellor formada que, lamentablemente, “ten que marchar e produce plusvalías fóra”. Por elo considerou necesario buscar o xeito de que puideran quedar aquí.

Para o Presidente da Deputación “non é momento de lamentarse senón de actuar” e indicou que a provincia de Lugo “ten unha marcada vocación rural”. Por este motivo, explicou, o obxectivo da Xornada é afrontar o problema demográfico.

O Subdelegado do Goberno destacou a necesidade de que se produza un reequilibrio territorial que prime a Lugo e Ourense xa que son as dúas provincias polas que Galicia aínda dispón dos fondos FEDER da Unión Europea.

Pola súa parte, a Secretaria Xeral da FEMP explicou que 6.000 concellos de España teñen unha poboación inferior a 500 habitantes e salientou que a provincia de Lugo é das que ten menor fracaso escolar. Tamén considerou necesario ofrecerlles traballo ós mozos e ás mulleres para garantir o futuro e frear a caída demográfica do medio rural.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova