Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde recibe ó equipo da televisión xaponesa que estes días grava un programa en Lugo


# Mércores, 09/03/2011
A nosa cidade será protagonista nun programa sobre monumentos Patrimonio Mundial da UNESCO que ten orredor de 5 millóns de espectadores

Imaxe Asociada
O Alcalde, José López Orozco, recibiu esta mañá no Concello ó equipo da televisión xaponesa NHK que estes días está en Lugo gravando un programa sobre a Muralla e o pasado romano da nosa cidade.

O equipo, formado polo director do programa Satoshi Kobayashi; o coordenador, Terumi Moriya; o cámara, Hideo Akiya, e a técnica de son, Yoko Kanbai, visitou esta mañá a Casa do Concello, onde se entrevistaron co Alcalde e o Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío.

Para o Alcalde, trátase “dunha oportunidade de ensinar Lugo fóra, sabendo que o turismo debe ser parte importante do noso desenvolvemento” e desexou que “emitan moitas veces este programa para que todos os xaponeses saiban que bonito é Lugo, que temos unha Muralla patrimonio Mundial e que nos veñan visitar”.

O coordenador do equipo salientou que a Muralla pareceulles “impresionante e moi ben conservada, moito maior do que parece nas fotos” e sinalou tamén que “seguro que moita xente terá gaña de coñecer Lugo logo de ver o programa”.

Lugo vai ser protagonista neste programa da televisión pública xaponesa que está adicado a monumentos que son Patrimonio Mundial da UNESCO. Cada un dos espazos, de cinco minutos de duración, ten unha audiencia de entre 4 e 5 millóns de espectadores.

O equipo da televisión nipona grava estes días imaxes da Muralla de Lugo e dos vestixios romanos da nosa cidade. Entre outros lugares, recollen imaxes do Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos, Porta Miñá e os restos do acueducto descuberto nas obras de San Marcos. Onte tamén gravaron imaxes do Entroido que empregarán para dar a coñecer Lugo no Xapón.

Lugo é a única cidade galega que será protagonista deste programa adicado ós monumentos Patrimonio Mundial. Antes de chegar á nosa cidade, o equipo da NHK estivera nas Médulas, en León, e de Lugo viaxarán cara Portugal.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova