Imprimir

NOVA PROGRAMACIÓN TEATRAL PARA OS VINDEIROS XOVES DO MES DE MARZO


10/3/2011 A Concelleira de Cultura presentou hoxe as tres obras teatrais que conforman o programa Teatro Galego que se desenvolverá no Auditorio Gustavo Freire durante os vindeiros xoves 17, 24 e 31 de marzo

Nuria Mundiña destacou a alta participación da cidadanía nas festas do entroido e salientou a magnífica acollida do Entroido Larpeiro

A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, presentou hoxe as tres obras teatrais que compoñen o programa Teatro Galego que se desenvolverá no Auditorio Gustavo Freire durante os xoves 17, 24 e 31 de marzo.

As entradas poden adquirirse no Auditorio Municipal os días das funcións unha hora antes do comezo do espectáculo. O importe das entradas será de 7€, prezo único.
Todas as funcións darán comezo ás 20.30 horas.

A Concelleira de Cultura sinalou que, como noutros anos, esta programación conta coa Colaboración do Agadic, que aporta o 50% do custo, concedendo unha subvención para os cachés e producións de 12.751 euros. Nuria Mundiña tamén destacou que xa se está a traballar no vindeiro ciclo de teatro de Lugo Cultural, que contará coa participación de compañías teatrais lucenses tanto profesionais como afeccionados. Unha ampla programación teatral que segundo sinalou Mundiña, “pretende xerar a costume de asistir habitualmente ao teatro”.

A Concelleira aproveitou para facer un pequeno balance das festas do entroido, que cualificou como positivas, e destacou a gran participación dos veciños e veciñas de Lugo nas diversas actividades programadas así como a gran acollida e especial demanda das tapas ofertadas por algúns centros hostaleiros de Lugo que participaron na iniciativa do Entroido Larpeiro.

Teatro Galego

“O día do pai” - Xoves 17 de marzo - Malasombra
Delirante comedia que o seu autor denomina de wester clínico… Tres homes loitando por unha selección natural nunha clínica de reprodución asistida. Por que os homes queren ser pais?
Autor: Gabriel Olivares e Ana Graciani
Dirección: Marcos Orsi
Elenco artístico: Pablo Alvarado, Alberto Rolán, Jouse García e Xoque Carbajal

“A illa das mulleres loucas” - Xoves 24 de marzo - Inversa Teatro
Baseada na obra homónima de Alfonso Pexegueiro, “A illa das mulleres loucas” é un recital dramático onde a linguaxe do corpo e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüeto Anxo Pintos e Quico Comesaña compuxeron para a ocasión e interpretan en directo.
Autor: Alfonso Pexegueiro
Dirección: Vanesa Sotelo
Elenco artístico: Alfonso Pexegueiro, Vansea Sotelo, María Caparrini
Música en directo: Anxo Pintos (Zanfona), Quico Comesaña (Arpa)

“A Nona” - Xoves 31 de marzo - Teatro do Morcego
A Nona é unha comedia delirante de Roberto Cossa: Nunha familia arxentina, de orixe italiana, hai unha avou (a nona) de avanzada idade. A nona come sen parar, mentres a familia camiña cara a ruína procuran os máis diversos camiños para gañar diñeiro (prostitución, mendicidade, enganos, etc…). Nun momento de desesperación, a familia comeza a tentar asasinar á nona, pero son os membros da familia os que van resultando mortos neses intentos por desfacerse da nona, ata que, no final da obra, só queda a nona.
Autor: Roberto Cossa
Dirección: Celso Parada
Elenco artístico: Miguel Pernas, Mundo Villalustre, César Goldi, Mónica Camaño, Elina Luaces, Miguel Varela, Iolanda Muiños