Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello e Universidade suman esforzos para fomentar iniciativas emprendedoras


# Venres, 11/03/2011
O Alcalde e o Reitor asinaron hoxe a renovación dunha colaboración que xa facilitou a presenza no CEI-NODUS a dez empresas vinculadas coa USC

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, e o Reitor da Universidade, Juan Casares Long, asinaron este venres un convenio de colaboración para fomentar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras entre a comunidade universitaria. O acto tivo lugar esta mañá no Concello e contou coa asistencia da Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.

O Alcalde salientou que unha colaboración como a que manteñen o Concello e a Universidade, que se renovou hoxe, “vén moi ben nun momento de tantas dificultades para contribuír a xenerar emprego a través do fomento de iniciativas emprendedoras”. O Alcalde considerou que Lugo ten as mellores condicións para que as empresas se instalen na cidade e destacou o gran cambio que experimentou a cidade grazas á implantación da Universidade.

Pola súa parte, o Reitor destacou que “convenios como este permiten á Universidade e ó Concello traballar xuntos” e tamén se referiu á importancia de que as dúas administracións aproveiten sinerxias. Casares Long indicou que as iniciativas emprendedoras que saian da Universidade utilizarán o CEI na primeira etapa da súa posta en marcha e sinalou que se trata de empresas que “teñen un marxe de risco porque aportan solucións novas”.

Grazas a esta colaboración, o Concello, a través do CEI-NODUS, e a Universidade, a través do seu programa Uniemprende, traballan para impulsar a creación de empresas entre a comunidade universitaria.

Xa beneficiou a dez empresas

Froito do convenio que hoxe renovaron o Alcalde e o Reitor, dez empresas vinculadas coa USC pasaron ou están no CEI-NODUS.

A relación de empresas vinculadas coa Universidade que gozaron dos servizos do CEI-NODUS é a seguinte: AMS LABS, Swuiss Corp Technolgy (Cesteros), Lugalia, Pexego, Mefima, Imaxina, Xan, Tecgal Enerxías, H2O Iniciativas no Medio Rural e Sopegalia.


Por dous anos
O convenio que asinaron López Orozco e Casares Long ten unha duración de dous anos e segundo establecen as cláusulas o seu obxecto é o establecemento dun marco de actuación para a colaboración entre o Concello de Lugo (a través do CEI-NODUS) e a USC co fin de fomentar entre os membros da Comunidade Universitaria e investigadores vinculados á Universidade de Santiago de Compostela a creatividade aplicada á empresa, o espírito emprendedor e a capacidade para xerar riqueza detectando oportunidades de negocio e facilitando as ferramentas necesarias para a posta en marcha de iniciativas empresariais a través da participación dos promotores universitarios nas accións do Programa Uniemprende da USC e nas que se desenvolvan no CEI-NODUS coa mesma finalidade.

En canto ós compromisos que asumen as dúas administracións, a USC comprométese a:

- A USC responsabilízase da detección de emprendedores interesados en incorporarse a estes programas, así como a súa tutela e asesoramento especializado a través do persoal adscrito á USC.

- Así mesmo, a USC, a través dos mecanismos ou entidades que teñan promovido para o financiamento de iniciativas empresariais innovadoras, estudará de forma preferente o apoio financeiro a proxectos empresariais que xurdan da colaboración entre ambas institucións.

Pola súa parte, o Concello de Lugo (a través do CEI-NODUS) comprométese a:

- Todos os membros da Comunidade Universitaria que, no marco do Programa Uniemprende, presenten un proxecto viable para a creación e posta en marcha dunha iniciativa empresarial, terán acceso preferente as instalacións do Viveiro de Empresas do CEI-NODUS.

- Por outra parte o CEI-NODUS porá a disposición dos emprendedores beneficiarios, ademais do aloxamento, a experiencia do equipo técnico multidisciplinar adscrito ó mesmo, experiencia acumulada durante os anos en que estiveron traballando no asesoramento para á creación e posta en marcha de iniciativas empresariais.

CEI-NODUS cei.lugo.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova