Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde ofrece unha rebaixa do 50% no imposto municipal de obras ás empresas que se instalen nas Gándaras


# Venres, 11/03/2011
López Orozco anunciou este ofrecemento para captar empresas que se establezan en Lugo na inauguración do polígono das Gándaras

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde pediulle ó Presidente da Xunta un esforzo para que o prezo do solo non dificulte a implantación de empresas no novo polígono de Lugo

O Alcalde, José López Orozco, ofreceu unha rebaixa do 50% no imposto municipal de obras para as empresas que se instalen no novo polígono das Gándaras que foi inaugurado hoxe polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Na súa intervención no acto inaugural, o Alcalde anunciou que “desde o Concello, se contamos co apoio dos outros dous grupos políticos, rebaixaremos nun 50% os impostos de obras para empresas se instalen no polígono”.

López Orozco recoñeceu que esa medida diminuirá os ingresos que podería obter o Concello pero sinalou que “se se instalan moitas empresas recibiremos eses ingresos doutra maneira” polo que considerou que “merece a pena o esforzo”.

“É a forma que temos nós de colaborar”, dixo o Alcalde que lle pediu ó Presidente da Xunta que o Goberno galego faga tamén “un esforzo importante co fin de que as empresas non poñan problema para instalarse nas Gándaras polo prezo que ten o solo”.

Para evitar que o prezo de venda das parcelas retraia ás empresas, López Orozco, que recoñeceu o investimento feito no novo parque empresarial, díxolle a Feijóo “gustaríame que estudaran a posibilidade de que o polígono das Gándaras, que é extraordinario, puidera competir en prezos con outros polígonos da nosa Comunidade Autónoma”.

Noutro momento da súa intervención, o Alcalde recoñeceu que “estamos contentos, cremos que temos futuro” pero considerou que necesario que “todos fagamos un esforzo porque temos un problema moi grave”.

Para o Alcalde, Lugo é hoxe unha cidade con “recursos humanos como nunca tivo, grazas ó papel da Universidade, contamos cunha paz social envidiable e tamén gozamos dun entendemento por riba de ideoloxías”. Tamén dixo que o novo polígono era “unha gran necesidade que tiña a nosa cidade, por iso, no seu día, nos fixemos cos terreos do Ministerio de Defensa que lle vendemos a prezo de coste á Xunta de Galicia” porque o obxectivo do Concello é “que moitos emprendedores poidan vir crear riqueza e emprego, que é o que necesita a nosa cidade”.

López Orozco salientou que “a colaboración fai a forza” e lembrou que grazas a que houbo colaboración entre o Concello, o Xunta e o Goberno se puido construír a nova Depuradora, que se inaugura o luns, a Potabilizadora, que xa está funcionando, e melloraron as comunicacións de Lugo “que van seguir mellorando, por exemplo coa Estación Intermodal, porque o Concello, a Xunta e o Goberno temos interese en que así sexa”.

O Alcalde tamén agradeceu o anuncio que fixo no mesmo acto o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, de que este mes se adxudicarán as obras do Auditorio de Lugo.

Na súa intervención o Presidente da Xunta anunciou que a finais de mes presentarase o Plan Estratéxico que desenvolve o Plan Impulsa Lugo que “vai manter e mesmo incrementar as axudas para as empresas que se queiran instalar en todos os polígonos da provincia”

A primeira fase do polígono das Gándaras, inaugurada hoxe, ten 876.0000 metros cadrados de superficie, e calcúlase que atenderá as necesidades de solo empresarial nun mínimo de 7 anos. Dispón de tres accesos ó polígono do Ceao e tamén ten accesos a A6, a Ronda Norte e a Estación de mercadorías por ferrocarril.

Da superficie total, case 400.000 metros cadrados son para uso industrial e comercial e 80.000 para zonas verdes. Tamén conta con tres parcelas para equipamentos de 19.173 metros e máis de 2.100 prazas de aparcamento, incluídas 30 para camións e 11 para autobuses.

Nesta primeira fase haberá 114 parcelas, das que están vendidas 18. O polígono das Gándaras supuxo un investimento de 39,7 millóns de euros.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova