Volve funcionar o reloxo da Casa do Concello
# Venres, 11/03/2011
* Xa foron colocadas as pezas da áncora que foi necesario substituír
* As pezas foron feitas en Inglaterra pola mesma empresa que construíu o reloxo en 1871
O reloxo da Casa do Concello volve estar en funcionamento, logo dun intenso e concienciudo traballo por parte do reloxeiro de Vigo Fulgencio Pagán que se encargou da súa reparación.
Para que o reloxo volvera dar as horas foi necesario cambiar tres pezas que compoñen a áncora de escape do reloxo, que estaban deterioradas. As tres pezas foron feitas de novo pola empresa inglesa Guillett and Jonhston, herdeira da compañía Guillet and Bland, que construira o reloxo do Concello de Lugo en 1871.
As pezas novas chegaron a Lugo o pasado mes de decembro pero foi necesario volvelas mandar a Inglaterra para que lles fixeran pequenos retoques debido a que ó poñelas no reloxo comprobouse que tiñan un pequeno desfase.
O arranxo do reloxo complicouse porque a empresa que o fabricou empregaba un mecanismo de escape, chamado escape de gravidade que está dotado cun péndulo moi longo e estreito, que é pouco frecuente.
Dous reloxeiros traballaron na colocación das novas pezas e no axuste do reloxo ata lograr que volvera funcionar.
Compartir: