Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CELEBRA MAÑÁ O DÍA MUNDIAL DO CONSUMIDOR


14/3/2011 Mañá, día 15 de marzo, a Oficina de Consumo instalará unha mesa con información de interese para os cidadáns relacionada co consumo

A Oficina de Consumo atende ao redor de 2.000 persoas ao ano. O sector máis problemático continúan sendo os das telecomunicacións, case un 25%

O Concello colabora coa Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Lugo e coa Asociación Española contra o Cancro que este ano instalará unha carpa inchable con forma de colon onde se poderá coñecer como afecta a enfermidade


A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, xunto coa Presidenta de Amas de Casa e Consumidores de Lugo, Pilar Becerra, e a Presidenta da Asociación Española contra o Cancro, presentaron as actividades programadas para a celebración do Día Mundial do Consumidor, que se vén celebrando cada 15 de marzo dende o ano 1983.

Luisa Zarzuela destacou que “dende o Concello queremos apostar e promover un consumo responsable así como a promoción de hábitos saudables entre a cidadanía”. Así, anunciou que dende a Oficina de Consumo do Concello se continuará aplicando unha política de consumo que avance no establecemento de instrumentos eficaces para a defensa dos dereitos de consumidores e usuarios, contando e construíndo con todos e todas.

A Concelleira de Servizos Xerais explicou que a Oficina de Consumo do Concello atende ao redor de 2.000 persoas ao ano, e destacou que o sector máis problemático seguen sendo as telecomunicacións, que alcanzan case un 25% das reclamacións e consultas do total. Ademais, sinalou que coa liberalización das compañías eléctricas o pasado ano, aumentaron as reclamacións e consultas relacionadas con este sector.

Nos dous primeiros meses do ano, sinalou Zarzuela, a Oficina de Consumo atendeu 175 consultas e 85 reclamacións, onde o sector máis problemático segue sendo o das telecomunicacións cuxas reclamacións chegan ao 50% do total nestes dous meses. Os sectores que lle seguen son o das eléctricas cun 18,82%, automóbiles usados cun 6,28%, servizos financeiros cun 5,14%, roupa e calzado cun 8% e electrodomésticos con ao redor dun 3%.

Este ano, o Concello celebra o Día do Consumidor en colaboración coa Asociación de Amas de Casa e Consumidoras e a Asociación Española contra o Cancro. Así, e coincidindo con que esta Asociación adica o mes de marzo á prevención do cancro de colón, e considerando que a prevención desta enfermidade ten moito que ver co consumo de distintos alimentos que axudan a previr esta doenza, vanse levar a cabo distintas actividades, nas cales participa e colabora o Concello.

Mañá, martes día 15 de marzo, colocarase na Oficina de Consumo unha mesa con información de temas de máximo interese para os cidadáns relacionados co consumo. Tamén cabe destacar a conferencia sobre a importancia da alimentación na prevención do cancro de colón que se celebrará mañá ás 19.30 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a cargo da doutora Isabel Mata, Patóloga do Hospital Lucus Augusti. Ademais, durante os días 16 e 17, haberá instalada unha carpa inchable con forma de colón no aparcadoiro do Antigo Seminario Menor, e este venres repartirase información na Praza de Abastos.

A Presidenta da Asociación Española contra o Cancro explicou que o cancro de colon é a segunda causa de morte por esta enfermidade, cobrándose máis de 3.000 vidas ao ano, e destacou que o 90% dos casos serían curables si se detectasen precozmente. Así, María Concepción de Martín animou a todas e todos os lucenses a coñecer máis de preto esta realidade, achegándose ata a exposición que permanecerá na Praza do Seminario o mércores e o xoves de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

Para ampliar calquera información relativa a consumo os lucenses poden dirixirse á Oficina Municipal de Atención ao Consumidor (OMIC) ou a través da páxina do Concello www.lugo.es

Máis información:

Oficina Municipal de Información ó Consumidor (OMIC)

Portal web da Oficina Municipal de Información ao Consumidor OMIC