Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Presentada a XVII edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo


# Luns, 14/03/2011
O certame celebrarase o vindeiro mércores día 30 de marzo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, asistiu esta mañá á presentación da décimo sétima edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo. O certame celebrarase na cidade da muralla o vindeiro mércores 30 de marzo, día no que os participantes deben presentarse ás 11.00 horas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, onde se lles informará das dúas liñas temáticas a reflectir nas fotografías deste ano e se lles fará entrega do material no caso tanto dos que participen coa técnica analóxica coma dixital. Será tamén o momento no que a foto conxunta que se lle realiza ao equipo de participantes simboliza o pistoletazo de saída do maratón.

No caso dos participantes que desexen amosar a súa creatividade artística e técnica a través da modalidade analóxica haberá, ademais, un apartado de temática libre que tamén se reflectirá na escolma de imaxes que cada ano configuran o xa clásico catálogo que edita o Maratón Fotográfico.

O prazo para inscribirse no Maratón comeza este martes 15 de marzo e remata o vindeiro 24 de marzo. As persoas interesadas en anotarse na Vicerreitoría da De Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade en Lugo, na Praciña da Universidade.

Esta iniciativa, que se vén celebrando dende hai que dezasete anos, configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito das que se promoven actualmente dende Lugo Cultural, tal e como salientou o vicerreitor Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo. Fotógrafos máis ou menos profesionais ou afeccionados de dentro e fóra da comunidade universitaria participan habitualmente desta iniciativa que os leva a buscar durante unha xornada a imaxe que mellor resuma os temas propostos. O pasado ano o maratón contou coa participación de 46 persoas, duplicando cifras de anos anteriores, que optaron aos catro premios que ofrece o certame. Garbayo salientou precisamente a alta demanda existente nas iniciativas relacionadas coa fotografía, que no caso dos cursos de formación acumulan importantes listas de espera.

O día 31 de marzo deberase facer entrega das fotografías co fin de ditaminar posteriormente os premios á mellor fotografía de cada tema (este ano concederase ás 10 mellores fotos dentro de cada temática); á mellor fotografía de tema libre (só dentro da modalidade analóxica); á película de nivel medio máis alto (categoría na que se terán en conta 20 fotos correctamente expostas, ademais da variedade dentro de cada temática e os valores creativos); e o Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía concedido a algún dos asistentes aos cursos de formación fotográfica impulsados pola USC.

Eduardo Ochoa, coordinador do espazo fotográfico da USC, participou tamén xunto co recoñecido fotógrafo lugués que lle dá nome a un dos premios, Carlos Valcárcel, na presentación desta nova edición do maratón impulsado por Lugo Cultural. Dende a súa experiencia, Ochoa destacou a calidade e a variedade das fotografías que agora forman parte do catálogo e configuraron a exposición vinculada ao maratón, sobre todo tendo en conta que a meirande parte dos participantes son xente nova “que demostra ser capaz de manifestar unha gran creatividade e imaxinación, tendo en conta que non coñecen a temática ata o mesmo día”, expuxo. Pola súa banda, a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, informou de que en prol de dotar cada vez de máis calidade os resultados do maratón, nesta edición só se exporán as dez mellores fotografías de cada tema, e só se publicarán no catálogo as cinco mellores referidas a cada ámbito temático. Na pasada edición do maratón foron as temáticas dos olores e da muralla de Lugo os escollidos para dar contido ao certame.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes o xefe territorial de Cultura da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; e en representación de Novacaixagalicia, Sinesio Pérez.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova