Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo xa ten nova depuradora


# Luns, 14/03/2011
Inaugurárona hoxe o Alcalde, a Ministra de Medio Ambiente e o Conselleiro de Medio Ambiente

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Custou 44,5 millóns de euros e dará servizo a 200.000 habitantes
O Alcalde dixo que é unha obra imprescindible para o futuro da cidade, que respecta o medio natural e completa o ciclo da auga

López Orozco plantexoulle ó Conselleiro a necesidade de asinar un convenio para o saneamento de toda a zona rural


O Alcalde, José López Orozco, participou hoxe na inauguración da nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Lugo, acto no que interveu xunto coa Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, e o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Tamén asistiron á inauguración o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; a ex-ministra Elena Salgado, o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares e varios Concelleiros, entre eles o de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso.

O Alcalde destacou a importancia da nova Depuradora xa que desde hoxe “temos solucionado un problema primordial para o futuro como é completar o ciclo da auga: temos auga en abundancia e devolvémola ó río nas mellores condicións”. Neste sentido, o Alcalde sinalou que obras coma esta “non se ven, pero son imprescindibles para o futuro da cidade” e indicou que a nova EDAR “é unha obra que respecta o medio natural”.

Para o Alcalde, ter resolto o subministro e tratamento da auga fai que a nosa cidade sexa aínda máis atractiva para que as empresas invistan nela “neste momento no que hai tanta necesidade de crear emprego”

López Orozco considerou tamén que, con esta infraestrutura “Lugo dá un gran paso que é froito do traballo conxunto das distintas administracións”. O Alcalde lembrou que Lugo ten 354 núcleos de poboación polo que lle plantexou ó Conselleiro de Medio Ambiente a necesidade de asinar un convenio para “darlle saneamento a todos os veciños da zona rural”. Tamén con vistas ó futuro, o Alcalde dixo que “cando pasen as eleccións haberá que dar pasos para a explotación do servizo de augas que podería ser de titularidade municipal”.

Tamén indicou o Alcalde que a nova Depuradora é un fito “que queremos ver completado co Plan Director do Miño no que traballamos neste momento Deputación e Concello e ó que queremos que se incorpore tamén a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

Pola súa parte a Ministra de Medio Ambiente salientou a importancia da nova EDAR porque “a política da auga é un piar esencial para a cohesión territorial e o desenvolvemento económico” e dixo que agora “Lugo ten calidade e cantidade de auga, que é necesaria tanto para os cidadáns como para un desenvolvemento sostible”.

Rosa Aguilar subliñou tamén que “desde o punto de vista ambiental Lugo dá hoxe un paso decisivo para o futuro”. A Ministra manifestou que a EDAR é consecuencia da “cooperación leal entre administracións con sensibilidade ambiental” e lembrou que “distintos ministros e conselleiros traballaron nunha dirección común: a de empregar ben os recursos para responder as necesidades da cidadanía”.

Aguilar anunciou ademais que o Ministerio de Medio Ambiente vai investir 1.000 millóns de euros en políticas da auga en Galicia a través co convenio que mantén coa Xunta, ó que o Goberno achega o 85% do orzamento.

O Conselleiro de Medio Ambiente salientou, na súa intervención, que “a auga é un elemento imprescindible para a vida e o río Miño é imprescindible para o crecemento de Lugo”. Lembrou o Conselleiro que “centos de miles de galegos e portugueses beben auga do Miño” e dixo que “Lugo é un bo exemplo de territorio planificado nos seus servizos básicos”.

Investimento: 44,5 millóns

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Lugo supuxo un investimento de 44,5 millóns de euros. Esta actuación foi financiada nun 85% polo Ministerio, mediante aportacións procedentes do Fondo de Cohesión da UE, e nun 15% pola Xunta, a través de Augas de Galicia.

Mediante o uso da tecnoloxía máis avanzada, a nova planta vai depurar a auga residual dunha poboación urbana de 120.000 habitantes e unha poboación industrial de 80.000 habitantes equivalentes.

A nova Estación Depuradora ocupa unha superficie de 85.000 metros cadrados e dispón dun reactor biolóxico para a eliminación de residuos que é o primeiro sistema deste tipo instalado en Galicia e dos poucos existentes en España.

Logo dunha serie de tratamentos e procesos, a auga será devolta ó cauce receptor con todas as garantías de non alterar o ecosistema, mellorando as condicións de vida no medio acuático do río Miño.

A nova EDAR, que se atopa en fase de posta en marcha, conta con procesos de pretatamento, catro liñas de desbaste mediante tamices de limpeza automática, catro liñas de desarenado-desengraixado, seis decantadores primarios, tratamento biolóxico UTC modificado, decantación secundaria e tratamento de fangos mediante dixestión anaerobia.

A súa capacidade máxima na zona de pretratamento e tratamento primario é de 4.300 libros por segundo e de 1.770 litros por segundo para o tratamento secundario.

O enclave natural na que está situada a planta obrigou a elaborar un plan de protección ambiental para eliminar calquera afección negativa que puidera xenerar a súa construción e preservar a súa integración paisaxística.

Así, incorporáronse ó deseño da planta medidas medioambientais complementarias, como son o illamento de todos os puntos de produción de olores e instaláronse sistemas de desodorización, a redución de ruído mediante o illamento acústico dos equipos susceptibles de causar molestias e a incorporación dun sistema de secado térmico dos fangos para garantir que non se produzan emisións de cinzas nin gases contaminantes.

Ademais, no proxecto incluíuse un plan de recuperación ambiental para a adecuada integración paisaxística da EDAR mediante a plantación de especies autóctonas, a creación de pantallas vexetais e a minimización do impacto visual das súas instalacións.

O proxecto de construción da nova depuradora enmárcase no convenio de colaboración que asinaron en 1999 o Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta para levar a cabo unha serie de actuacións destinadas a mellorar o saneamento de Lugo, cun investimento total de 103 millóns de euros.

As obras que completan o saneamento da cidade son o acondicionamento e ampliación dos colectores das concas dos ríos Rato, Chanca e Fervedoira, o acondicionamento dos colectores xerais do río Chanca, o colector xeral do río Miño no tramo N-VI e o colector xeral do río Miño no tramo da NVI á EDAR.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova