Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta a tarxeta turística LugoCard


# Xoves, 17/03/2011
A iniciativa foi presentada hoxe polo Concelleiro de Turismo, acompañado do Presidente da Asociación de Hostaleiros e o Presidente de Lugo Centrum

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Concelleiro convidou a todos os empresarios, restauradores e comerciantes da cidade a participar nesta iniciativa

O Concelleiro de Turismo, José Manuel Díaz Grandío, xunto co Presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, e o Presidente de Lugo Centrum, José Sánchez Bergantiños, presentaron esta mañá a Tarxeta Turística.

A tarxeta turística de Lugo é un novo produto turístico deseñado pola Concellería de Turismo e Deportes ao abeiro dunha subvención concedida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para o desenvolvemento dunha serie de actividades complementarias ao PET co fin de consolidar a cidade de Lugo como destino turístico cultural.

O Concelleiro de Turismo explicou que LugoCard servirá para integrar os servizos turísticos de Lugo e para ofrecer un instrumento cómodo, económico e áxil ao visitante da cidade. Tamén para desenvolver un sistema de fidelización e de comercialización de Lugo como produto turístico cultural, e sinalou que “coa presentación desta iniciativa queremos convidar a todos os empresarios, restauradores e comerciantes da cidade a sumarse a este proxecto”. Os prezos das tarxetas están a espera de ser fixados xunto coas empresas que se sumen a iniciativa, que segundo destacou o Concelleiro agárdase estea en funcionamento de cara á Semana Santa.

Entre as vantaxes que ofrecerá a todos os turistas que adquiran LugoCard figuran:

-Entrada con vantaxes, libre o con desconto, aos lugares turísticos e aos centros culturais e deportivos do Concello de Lugo.
-Descontos no servizo de audioguías e noutros produtos turísticos que poña en marcha o Concello de Lugo.
-Descontos e/ou vantaxes en comercios, centros de ocio, hoteis, restaurantes e outros servizos hostaleiros.
- Descontos en teatros, espectáculos e outras actividades culturais.




O Concelleiro destacou que os obxectivos da creación e posta en marcha do produto turístico LugoCard son:

- Potenciar a imaxe de destino turístico de calidade de Lugo e incrementar o número de turistas e viaxeiros que visitan á cidade.
- Prolongar o tempo de estancia do turista. Un dos retos aos que se enfronta o sector turístico na cidade é lograr que o turista pernocte na cidade os máximos días posibles.
- Ofrecer ao turista un servizo que integre vantaxes económicas, comodidade de uso e unha completa información para que goce de todos os atractivos culturais, deportivos, gastronómicos e de ocio, comercio e hostalería que lle ofrece Lugo. Deste xeito, facilítaselle ao visitante unha serie de contidos que xustifican a súa permanencia na cidade. En definitiva, trátase de que coñeza e goce de todo o patrimonio histórico-cultural e de todos os servizos que pode atopar en Lugo.
- Descubrir aos turistas aqueles lugares situados fóra dos circuítos turísticos habituais incorporando zonas novas.
- Facilitar aos usuarios un aforro respecto aos prezos habituais e, ademais, que gocen de interesantes descontos e agasallos.
- Conseguir fidelizar ao turista e, ao ofrecer un coidado servizo, favorecer unha transmisión da imaxe de Lugo moi positiva a través do boca-orella.

En resumo, os obxectivos de LugoCard van dende integrar os recursos xerados pola oferta turística, cultural e de ocio, ata poñer en valor a cidade como destino turístico cultural e facilitar un aforro aos visitantes. O Concelleiro destacou que outras cidades españolas xa comercializan a tarxeta turística como Xixón, San Sebastián, Segovia, Granada, Barcelona, Madrid, Zaragoza, Valladolid, Sevilla, Burgos, Salamanca, Valencia, Tarragona ou Alcalá de Henares. Unha das últimas en incorporar este servizo foi Pontevedra. A nivel internacional, os grandes destinos turísticos por excelencia tamén a ofrecen aos seus visitantes: Londres, Praga, Roma, Lisboa ou Nova York, entre outros.

Tanto o Presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, como o Presidente de Lugo Centrum, José Sánchez Bergantiños, agradeceron ao Concello esta nova iniciativa para potenciar o turismo e o consumo na cidade de Lugo, e intentar aumentar a estancia media dos turistas.

Tarxeta Turística LUGOCARD

A tarxeta turística LUGOCARD é un produto que consiste nunha tarxeta de pvc de 75 micras. Non leva chip, polo que se trata dunha tarxeta identificativa, persoal e intransferible, que se personaliza ao cubrir con tinta indeleble os datos do titular e a data e a hora da validación. Elaboráronse tres modelos diferentes segundo a duración da súa validez: 1, 2 e 3 días.

O deseño das tarxetas aposta por crear un produto sedutor ao mostrar imaxes da cidade que recollen os principais atractivos turísticos de Lugo, nestes modelos escolléronse imaxes da Muralla, do centro histórico e do río Miño. Trátase de que a propia tarxeta se convirta nun produto promocional de Lugo e de que se acabe convertindo nun recordo da cidade. O tamaño da tarxeta é estándar e o formato consta dun anverso ocupado integramente por unha imaxe fotográfica e o logo de Lugocard. No reverso sitúanse os espazos de identificación do titular, tipo de tarxeta (individual ou familiar) e da data e hora da validación da tarxeta. Tamén figuran os logotipos do Concello de Lugo, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e de Turespaña, xunto a outra fotografía da cidade en tamaño máis pequeno.

Lugocard comercializarase nun pack composto pola tarxeta identificativa e unha guía informativa en tres idiomas. A guía conterá información de todos os establecementos asociados á tarxeta, cunha breve descrición de cada un deles (dirección, teléfono, horarios, servizos e descontos ofrecidos, ademais de fotografías ilustrativas). Tamén ofrece información xeral de Lugo, dos seus principais atractivos turísticos e as instrucións de uso da tarxeta. Por último, inclúe un detallado plano da cidade, coas localizacións dos establecementos adheridos para a súa fácil ubicación na cidade.

No relativo á venda e á distribución da tarxeta, estas levaranse a cabo na Oficina Municipal de Turismo (CIM) e nos hoteis adheridos ao proxecto. Deste xeito contrólase con eficacia a súa distribución e se lle facilita ao turista a súa adquisición nos puntos clave que van centrar a organización da súa viaxe. Como a tarxeta é identificativa terá que ser personalizada polo persoal autorizado (técnicos do CIM e persoal dos hoteis) que deben escribir, con tinta indeleble, os datos do titular.

A duración da tarxeta é de 1, 2 ou 3 días e entra en validez dende o momento da súa adquisición. Para o total aproveitamento dos seus servizos, ao cubrir os datos deben cumprimentarse correctamente os espazos de data e hora, pois a validez prolongarase 24, 48 ou 72 horas dende o momento da compra. Así mesmo, a tarxeta pode ser individual ou familiar. Neste último caso, o titular debe ser un dos proxenitores.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova